A normativa, as solucións, os retos e ameazas no campo da seguridade do universo dixital no teletraballo centrarán a segunda edición de CyberSec@GAL, o evento referente da ciberseguridade en Galicia, que se celebrará entre os días 2 ao 5 de novembro. O encontro, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade, é froito da colaboración entre as universidades de Vigo e A Coruña, a empresa R e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e conta coa colaboración de atlanTTic, Citic, Isms Forum, Coit, Amtega e Gradiant.
Durante as dúas primeiras xornadas do evento, que se celebrará de xeito semipresencial haberá talleres destinados a estudantes do SUG (Sistema Universitario de Galicia) e Formación Profesional, co obxectivo de captar talento no ámbito da ciberseguridade. Na terceira xornada desenvolverase unha charla técnica para profesionais e o lanzamento dun ciber-reto en liña, que outorgará un premio valorado en 500 €. A derradeira xornada, Riscos no teletraballo, será semipresencial e está dirixida ao ecosistema empresarial galego, contando coa participación de expertos internacionais e cunha mesa redonda específica nesta temática.