Logo de máis de 20 anos de traballo teórico, que abrangue desde o deseño de novos protocolos, ata a análise da súa seguridade, no campo da criptografía cuántica, o docente e investigador da Universidade de Vigo Marcos Curty, xunto á estudante de doutoramento do seu grupo Margarida Pereira, acaba de publicar en Science Advances o artigo titulado Quantum key distribution with correlated sources no que introduce unha técnica xeral para poder demostrar a seguridade da criptografía cuántica en presenza de calquera tipo de imperfección dos dispositivos que integran o sistema. “Así mesmo, demostramos por primeira vez a seguridade deses sistemas en presenza de correlacións arbitrarias entre os sinais emitidos. Isto permítenos demostrar a seguridade da criptografía cuántica a altas velocidades de transmisión, o que é fundamental para moitas aplicacións. En resumo, conseguimos demostrar a seguridade de sistemas reais e incrementar de xeito significativo as súas prestacións”, explica Curty.
A investigación, desenvolvida a partir dunha estancia de Margarida Pereira no grupo do profesor Kiyoshi Tamaki da Universidade de Toyama (Xapón), co que Curty colabora desde hai máis dunha década, e no que tamén participaron investigadores das empresas niponas NTT e Mitsubishi, introduce unha destacada novidade nas técnicas empregadas ata o de agora para demostrar a seguridade dos sistemas de criptografía cuántica reais. “Fronte ás prestacións limitadas e que non teñen en conta todas as imperfeccións presentes no sistema destas técnicas, o noso traballo introduce por primeira vez unha técnica que permite considerar todas as imperfeccións dun sistema real para avaliar a súa seguridade, ademais de ofrecer prestacións significativamente mellores que as técnicas previas”, detalla o investigador de atlanTTic, que pon como exemplo a garantía de seguridade dos sistemas de criptografía cuántica a alta velocidade.