atlanTTic, Cinbio e CIM son os tres centros de investigación da Universidade de Vigo que formarán parte da marca Cigus, Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego, un novo selo identificativo no que se está a traballar desde o executivo galego e que, tal como anunciou este venres o presidente, Alberto Núñez Feijóo, permitirá proxectar Galicia como referente no ámbito científico e investigador, “unha especie de Galicia Calidade da investigación”. O anuncio realizouse no acto de entrega de certificados de acreditación aos centros de investigación do Sistema Universitario Galego, evento que contou coa participación, ademais do propio presidente da Xunta, do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, os tres reitores e os responsables dos oito centros de investigación acreditados: atlanTTIC, Cinbio e CIM, da UVigo; Ciqus, Cimus, Citius e Igfae, da Universidade de Santiago de Compostela, e o Citic, da Universidade da Coruña.
A acreditación da Xunta de Galicia a estes tres centros de investigación da Universidade de Vigo fora xa publicada no DOG do pasado 13 de xaneiro, pero a crise sanitaria provocada polo coronavirus retrasou a celebración do acto de entrega. “A acreditación é un recoñecemento da excelencia do persoal investigador destes centros e isto, xunto á creación deste novo selo, axudaralles a dar unha maior proxección para que sexan máis coñecidos tanto a nivel nacional como internacional”, explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que acompañou ao reitor, Manuel Reigosa, e aos responsables destes tres centros de investigación ao acto de entrega. “É importante que se vexa que en Galicia hai unha potencia e unha masa moi relevante de centros de investigación nestes ámbitos: as telecomunicacións, o mar e a investigación biosanitaria no que a Universidade de Vigo se refire”, recalcou Rubio, quen tamén lembrou que a día de hoxe só tres comunidades contan con selos para identificar os seus centros: Cataluña (centros CERCA), País Vasco (centros GUNE) e Madrid (centros IMDEA).