O catedrático da Universidade de Vigo e investigador do centro atlanTTic Ramón C. Hermida acaba der ser nomeado membro do College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE). Hermida acada este recoñecemento nun ano no que o AIMBE recibiu un número récord de nominacións e, tras un esixente e rigoroso proceso de selección, pasará a formar parte dun grupo de elite ao que só pertencen profesionais líderes e pioneiros, entre eles varios premios Nobel, gañadores de medallas presidenciais e membros de academias nacionais, e que ten unha íntima relación co Congreso e coas políticas públicas estadounidenses.
Hermida asume este nomeamento polos seus notables logros científicos no campo da enxeñería biomédica “coa responsabilidade que implica, xa que o College of Fellows do AIMBE ten importantes obxectivos de tipo social, especialmente en todo o ligado á mellora da saúde a través da implementación de novos métodos de prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades”. É dicir, non é simplemente unha designación honorífica, xa que se espera que os membros fellow contribúan á misión crítica da organización de promover a excelencia e defender a ciencia e a innovación médica.