Máis dun cento de estudantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster de centros educativos de España, organizados en 32 equipos, participaron na tarde deste mércores na segunda edición da CITIC Cyber Competition. Este evento, que xira arredor da seguridade informática, está organizada polo Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo, co patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade e o apoio da Facultade de Informática da UDC, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e o Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade (MUniCS).
En total, entre as tres sedes da competición participaron 119 estudantes, 50 dos o fixeron desde a sede do CITIC na Coruña, 29 desde a sede de atlanTTic en Vigo e 40 en modalidade virtual.
Gañadores tras catro horas de retos
A competición desenvolveuse en formato CTF (Capture The Flag) ou captura a bandeira, de modo que os e as participantes tiveron que resolver diferentes retos en ciberseguridade e no menor tempo posible “capturar a bandeira”. Durante catro horas, os 32 equipos enfrontáronse a 21 retos relacionados con diversas temáticas como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade.
O equipo que máis puntuación obtivo foi XORprecha, composto por Ismael Melchor Juan, Esteban Segura Ripoll, Álvaro Manso Porteiro, Pedro José Navas Pérez e José Ángel Álvarez Sánchez; o segundo premio acadouno o equipo HackOn, formado por Orois García, Armando Nogueira Río, Rubén Pérez Jove, Gabriel Díaz Guimaraens e Olalla Rama García e o terceiro premio recaeu en CumbiaOnTheFlag, formado por Anxo Otero Dans, Javier Pérez Arias, Julián González Muñoz, Javier Rodríguez Campo e Nicolás Alonso Ojea. Os tres equipos gañadores, todos da seda da Coruña, foron premiados con galardóns de 1000€, 700€ e 400€ respectivamente.
Programa da CITIC Cyber Competition
O acto de apertura contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso; o director do CITIC da UDC, Manuel F. González Penedo; a subdirectora de atlanTTic da Universidade de Vigo, Yolanda Blanco Fernández; a directora da Cátedra R en Ciberseguridade e coordinadora do MUniCS na UVigo, Ana Fernández Vilas; o decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Javier Cabrera Canosa; e a delegada de Protección de Datos do Grupo Masmovil, Susana Rey Baldomir. Nas súas intervencións coincidiron en destacar a necesidade de estar protexidos ante as ameazas que acompañan ao desenvolvemento dun mundo hiperconectado e subliñaron a importancia de apostar por eventos destas características que fomenten o interese por esta disciplina entre a mocidade.
O director da Cátedra R na UDC, Carlos Dafonte Vázquez; a directora da Cátedra R en Ciberseguridade e coordinadora do MUniCS na UVigo, Ana Fernández Vilas; o decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Javier Cabrera Canosa; e a delegada de Protección de Datos do Grupo Masmovil, Susana Rey Baldomir, foron os encargados da entrega de premios e clausura do evento.