- A competición celebrará a súa terceira edición o próximo 14 de marzo de forma simultánea en A Coruña, Vigo e online.
- Os tres primeiros equipos recibirán premios de 1.000 €, 700 € e 400 €, ademais de regalos para os participantes na modalidade presencial.
- Enmárcase dentro da xornada TalentoCibeR, na que se impartirán talleres e unha charla coloquio sobre empregabilidade en ciberseguridade.
O próximo 14 de marzo celébrase a terceira edición da CITIC Cyber Competition, C3TF, unha competición deseñada para que os estudantes poñan a proba as súas habilidades en ciberseguridade. O evento está organizado conxuntamente polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, CITIC, e a Cátedra R en Ciberseguridade.
Esta competición de ciberseguridade realizarase en estilo CTF, do inglés «Capture The Flag» (Captura a Bandeira). Nela, os participantes tentarán resolver unha variedade de desafíos relacionados coa seguridade informática para atopar «bandeiras» ou tokens que representan puntos. Estes desafíos poden abarcar unha ampla gama de áreas da seguridade informática, como criptografía, esteganografía, análise forense, enxeñería inversa, hacking de aplicacións web, explotación de vulnerabilidades, entre outros.
Na pasada edición participaron 32 equipos formados por estudantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster. En total, dos 119 alumnos e alumnas, 29 competiron desde atlanTTic, 50 desde o CITIC da UDC e 40 en remoto.
Modalidades e premios
Na competición poden participar persoas que estuden actualmente (2023/2024) ou que finalizasen os seus estudos durante o ciclo anterior. A inscrición é obrigatoria e debe realizarse en equipos de ata 5 persoas. Pódese participar tanto de forma presencial, na E.E. de Telecomunicación da UVigo ou no CITIC da UDC, como en liña. A competición terá unha duración de 4 horas, en horario de 15:30 a 20:30, o próximo 14 de marzo.
Ao finalizar celebrarase a entrega de premios para os tres equipos finalistas: o primeiro equipo recibirá 1.000 €, o segundo 700 € e o terceiro 400 €. Ademais, haberá agasallos e unha merenda para todos os participantes en modalidade presencial. As prazas son limitadas.
A inscrición estará aberta ata o próximo 6 de marzo, de forma gratuíta, a través da seguinte ligazón:
Evento TalentoCibeR
O C3TF celébrase dentro da primeira edición do evento TalentoCibeR. A partir das 10:30 realizaranse dous talleres prácticos e unha mesa coloquio cos que se pretenden visibilizar o talento en ciberseguridade de Galicia e fomentar as novas vocacións a través do achegamento entre as empresas e os estudantes. O evento celebrarase de forma presencial e simultánea na Escola de Enxeñería de Telecomunicación da UVigo (Vigo) e no CITIC da UDC (A Coruña).
A inscrición é obrigatoria, individual e independente ao rexistro do C3TF. Tamén estará aberta ata o próximo 6 de marzo, de forma gratuíta, a través do seguinte enlace: