A competición de ciberseguridade enmarcouse no evento TalentoCibeR, no que se impartiron talleres formativos e unha mesa coloquio sobre empregabilidade no sector.
Tivo lugar onte, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e a Cátedra R en Ciberseguridade.
Tres equipos obtiveron as máximas puntuacións na CITIC Cyber Competition tras catro horas de desafíos en seguridade informática.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo acolleu este xoves o evento TalentoCibeR e a competición de ciberseguridade CITIC Cyber Competition (C3TF), na que participaron 157 estudantes de toda España repartidos en 40 equipos que competiron entre si desde o CITIC en Coruña, o propio atlanTTic e en liña.
A competición C3TF desenvolveuse en formato “Capture The Flag” (CTF), de modo que os e as estudantes de FP, Bachalerato e universitarios tiveron que resolver diferentes retos en ciberseguridade e, no menor tempo posible, “capturar a bandeira”.
Os participantes puxeron a proba as súas habilidades ante máis de 20 retos. Durante catro horas, os equipos enfrontáronse a desafíos relacionados con diversas temáticas da seguridade informática, como criptografía, esteganografía, análise forense, enxeñaría inversa, hacking de aplicacións web ou explotación de vulnerabilidades, entre outros.
Os tres equipos gañadores foron premiados con 1.000€, 700€ e 400€ cada un. O primeiro premio foi para o equipo The High Sleuths, formado por Adrià Pérez Garrofé, Jesús Mosteiro García, Jonathan Pichel Carrera, Jorge García Pombo e Toni Molina Pérez. O segundo premio logrouno o equipo XORprecha, formado por Carlos Flethes Montesinos, Esteban Segura Ripoll, Ismael Melchor Juan, José Antonio Díaz Moreno e Pedro José Navas Pérez. O terceiro premio recaeu en TodoElMundoSaltandoPorMartaEnSuCumple!!!, integrado por Diego Fernández Díaz, Inés Martín Mínguez e Jesús Parra García.
TalentoCibeR amosa o potencial en ciberseguridade
A terceira CITIC Cyber Competition (C3TF) celebrouse dentro da primeira edición do evento TalentoCibeR, nacido co obxectivo de dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia e, ao mesmo tempo, fomentar novas vocacións a través do achegamento entre empresas e estudantes. Para isto, organizáronse dous talleres prácticos, que tiveron lugar simultaneamente en Vigo e na Coruña, e unha mesa coloquio.
O taller dirixdo por Manuel García González, Senior Security Architect de Microsoft, enfocouse na xestión de licencias na suite de Microsoft 365 E5. Por outra parte, os asistentes ao taller «O inicio do procedemento forense informático» aprenderon como obter evidencias forenses en dispositivos como ordenadores ou móbiles, utilizando hardware esoftware. Foi impartido por Rafael López García, profesor dol CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro.
Tralos talleres, tivo lugar o coloquio “Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade”, no que participaron Manuel García, de Microsoft Spain, Alfredo Ramos, director de R e grupo MASMOVIL en Galicia, Iago Fortes, CEO de Inprosec, e Antonio Fernandes, cibersecurity manager de FINSA.
TalentoCibeR e a terceira edición da CITIC Cyber Competition (C3TF) foron organizados polo Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, o Centro de Investigación CITIC da Universidade da Coruña e a Cátedra R en Ciberseguridade.