O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral. A cita será os días 13, 14 e 15 de maio e permitirá que o público asistente poida coñecer liñas e proxectos de investigación en áreas moi diversas explicadas polo persoal científico empregando unha linguaxe comprensible e próxima. Nas cidades de Vigo e Ourense participarán un total de 19 investigadores e investigadoras destes campus, xunco con outros expertos doutras universidades e entidades.
Doce charlas en dous bares de Vigo
En Vigo haberá un total de doce charlas sobre seis temáticas diferentes, 11 das cales estarán a cargo de investigadores e investigadores pertencentes a grupos e centros de investigación da Universidade de Vigo como atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), CIM (Centro de Investigación Mariña), CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina), Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Procesos Industriais), Ecobas (Economics and Business Administration for Society), e o VQCC (Vigo Quantum Communication Center). Tamén haberá unha charla dunha investigadora pertencente ao IIM-CSIC (Instituto de Investigacións Mariñas).
Dentro das diversas temáticas, nas charlas trataranse temas de actualidade como o impacto da Intelixencia Artificial na sociedade, a importancia do enfoque circular e sostible nas actividades que afectan á contorna ou a necesidade de cuestionarse a veracidade nas imaxes e vídeos que se comparten nas redes sociais.
As charlas son de acceso libre e gratuíto, ata completar aforo, e serán os días 13, 14 e 15 de maio a partir das 20.00 horas no bar Cañaveral, situado na Portal do Sol, 6, e no bar El Castro, na rúa Paseo de Alfonso XII, 2. Ademais de charlas, a programación de Pint of Science Vigo incluirá concursos como o Trivial científico e sorteos con regalos para o público asistente. Toda a información sobre as charlas e as actividades está dispoñible na páxina web do evento.
Fonte: DUVI.