As redes de comunicación sen fíos experimentarán un aumento do tráfico sen precedentes debido ás novas aplicacións de grande ancho de banda, como por exemplo, multimedia 3D, realidade aumentada e realidade virtual. A isto hai que engadir que grazas á miniaturización e ás economías de escala, producirase a incorporación de dispositivos sensores e actuadores ás infraestruturas das cidades intelixentes e aos obxectos cotiáns que nos rodean. Como resultado, cada quilómetro cadrado dunha área urbana da Internet das Cousas (IoT) xerará decenas de terabits de datos por segundo. Para apoiar esta demanda, despregaranse redes de comunicación ultradensas, un novo paradigma no que tamén se contemplan as nanocomunicacións, na que centos de miles de dispositivos a micro/nanoescala se comunicarán na banda de terahercios.
Neste escenario dinámico será necesario un despregamento masivo de solucións de intelixencia artificial para o control e xestión da rede, das súas funcionalidades e dos seus servizos. Para avanzar neste eido, hai tres anos púxose en marcha o proxecto AriSe: Redes ultradensas sen celas, redes IoT futuras e nanorredes, seleccionado na convocatoria estatal de Xeración de Coñecemento, e que está a piques de concluír. Cun orzamento de 122.452 euros, está coordinado dende o centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo polo catedrático Francisco Javier González Castaño, director do grupo GTI, e polo profesor da Universidad Politécnica de Cartagena Juan José Alcaraz. Xunto con eles, están implicados neste proxecto o catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil Castiñeira e o catedrático da mesma área na Politécnica de Cartagena Antonio Javier García Sánchez, así como todos os investigadores sénior do grupo GTI de atlanTTic, é dicir, Juan Carlos Burguillo, Enrique Costa, Cristina López Bravo, Pedro Rodríguez Hernández, Pablo Fondo, Silvia García Méndez e Francisco de Arriba, ademais dun investigador FPI, David Candal. Na investigación colaboran tamén os principais operadores españois xunto con dúas multinacionais que prestan o seu apoio. Ademais, o traballo que se realiza en AriSe coincide coa participación do equipo no proxecto NextPerception, da convocatoria H2020.
As bases da tecnoloxía 6G
Segundo os investigadores de atlanTTic, os avances no despregamento masivo de solucións de intelixencia artificial para o control e xestión da rede, xa presentes en diversos graos no 5G, sentarán as bases para as tecnoloxías post-5G ou 6G. Como explica González Castaño, “por primeira vez na historia, a capacidade das redes superará calquera necesidade de comunicación presente e previsible, achegándose á capacidade agregada dos sentidos dos seres humanos. O factor limitante xa non serán as redes, senón a capacidade de computación. Para a xestión destas redes a IA é esencial, sen ela “non se poderán manter os enlaces máis adecuados ás necesidades de cada servizo en todo momento sen afectar ás sesións de usuario, dadas as características das bandas empregadas”.
O punto de partida de AriSe era avanzar no deseño, análise e avaliación de algoritmos intelixentes escalables para optimizar a asignación de recursos en redes de acceso ultradensas. Tamén traballaron no desenvolvemento dun marco de xestión intelixente para a fragmentación de redes en redes ultradensas, baseado en métodos de intelixencia artificial e no deseño e implementación de arquitecturas que proporcionen comunicacións fiables, robustas e eficientes en redes ultradensas de Internet das Cousas (IoT) soportadas por técnicas de IA. Outra das liñas principais de traballo foi o deseño e optimización de redes ultradensas con técnicas de IA, así como o desenvolvemento de técnicas de IA para controlar as funcionalidades da rede, garantindo a calidade do servizo e a experiencia do usuario con capacidades de aprendizaxe en liña.
A piques xa de rematar o proxecto, o catedrático González Castaño explica que acadaron “resultados en IA aplicada ás redes celulares e redes mesh, a clave de 6G, incluíndo as novas bandas de THz”. Como ocorreu coas comunicacións 5G, destacan os investigadores, “espérase que as redes posteriores teñan un impacto revolucionario na produtividade, competitividade e creación de valor nos principais sectores de actividade económica”.
Fonte: DUVI.