A elite mundial da investigación e experimentación en criptografía cuántica participa esta semana en Vigo no 14th International Conference on Quantum Cryptography, QCrypt, un evento que, por primeira vez na súa historia, se celebra en España. Organizado pola Universidade de Vigo e o Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, a cita arrancou a primeira hora deste luns no edificio Afundación coa asistencia de 330 investigadoras e investigadores, dos que preto do 90% son estranxeiros, maioritariamente chegados de toda Europa, pero tamén cunha ampla presenza de países como Estados Unidos, Canadá, China, Xapón, etc. Son unha importante mostra dos expertos e expertas que día a día traballan por garantir a confidencialidade absoluta na transmisión de datos a través de internet, un eido no que, dada a súa importancia, se están a realizar grandes investimentos, tanto públicos como privados.
A inauguración do encontro correu a cargo do reitor, Manuel Reigosa, e dos docentes da Universidade de Vigo Marcos Curty, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e director científico do Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación atlanTTic, e Davide Rusca, en representación do comité organizador. Os tres fixeron fincapé na “enorme satisfacción” que supón para a Universidade de Vigo traer a España un evento que, previamente, se celebrou en cidades tan importantes como como Zurich, Waterloo, Tokyo, Singapore, Cambridge, Paris, Shanghai, Montreal, Amsterdam, Taiwan ó Washignton DC.
En Galicia, “particularmente na UVigo”, faise investigación de excelencia neste eido
Ademais de dar a benvida aos asistentes e facer pequenos anuncios organizativos, os responsables do encontro destacaron o gran esforzo que se está a facer desde Galicia, e “particularmente na UVigo, a través do Vigo Quantum Communication Center, para realizar investigación de excelencia en tecnoloxías cuánticas de comunicación”, exemplo disto son os 15 traballos de investigación realizados desde aquí no último ano que serán presentados nesta cita.
A sesión deste luns prolongarase ata as 18.00 horas e inclúe dúas charlas convidadas, unha delas impartida por un dos principais referentes internacionais neste eido, o profesor Hoi-Kwong, da Universidade de Toronto, Canadá. “O profesor Hoi-Kwong recibiu diversas distincións e premios, entre eles, a Medalla aos excelentes logros en fotónica aplicada 2022 ou o Premio de electrónica cuántica da IEEE Photonics Society”, explica Curty, ao que engade que ao longo do día contarase tamén cunha decena de charlas sobre os últimos avances teóricos e experimentais en sistemas de distribución cuántica clave.
Serán cinco xornadas -ata o venres 6- de intensa actividade, na que tamén se aproveitará para visitar as instalación do Vigo Quantum Communication Center ou realizar -o vindeiro xoves- unha sesión “industrial” liderada por un representante de Telefónica, na que tamén participarán representantes das principais empresas internacionais do sector.
Charla aberta de Antonio Acín, un dos principais expertos españois nesta materia
Aproveitando a celebración en Vigo deste congreso, desde o comité organizador incluíuse no programa unha charla divulgativa aberta ao público en xeral sobre comunicacións cuánticas impartida polo prestixioso físico español Antonio Acín, especialista en información cuántica do Instituto de Ciencias Fotónica, ICFO, e cuxos traballos sobre como se pode codificar, procesar e transmitir información en partículas abriu novas portas á transmisión de datos máis segura. Será ás 19.00 horas no Teatro Afundación.
Tras recibir o pasado mes de xuño o Premio Jaume I de Investigación Básica, pola súa contribución da investigación da información cuántica en España, chega a Vigo coa charla Quantum computers and cryptography: what happens when bits become quantum? (Ordenadores e criptografía cuántica: que acontece cando os bits se volven cuánticos?), unha conversa pensada para público non experto, “incluíndo, por exemplo, alumnado universitario e de ensino medio”, recalca o principal responsable do comité organizador, quen fai fincapé en que se trata dunha “grande oportunidade para coñecer o fascinante mundo das tecnoloxías cuánticas” da man dun investigador “de moito prestixio no seu campo e, ao mesmo tempo, moi bo orador e divulgador”.
Se ben a intervención de Acín será en inglés, xa que boa parte do público agardado non fala español -os propios asistentes do congreso-, calquera pregunta ou aclaración poderá realizarse e responderse en español.
Fonte: DUVI.