
A Universidade de Vigo e o Grupo Oesía mantiveron esta semana un encontro no campus no que tiveron a oportunidade de estudar novas liñas de colaboración co persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do centro de investigación atlanTTic. Durante a xornada presentáronse as diversas áreas de interese común, co obxectivo de explorar novas oportunidades de colaboración e continuar impulsando a investigación, a innovación e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas.
Actualmente ambas entidades manteñen unha estreita colaboración a través da Cátedra Oesía, posta en marcha en setembro de 2024 e que ten como obxectivo fomentar actividades de formación e investigación en ámbitos relacionados coas tecnoloxías da información e a enxeñaría electrónica, con especial atención a sectores estratéxicos como o aeroespacial, a seguridade e a defensa.
Nesta xuntanza, dirixida a analizar novas vías de colaboración, participaron representantes das dúas entidades, entre eles, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo; os profesores Ana Vázquez e Óscar Rubiños, directores da Cátedra Oesía e investigadores de atlanTTic; Luis Álvarez Sabucedo, subdirector de atlanTTic; Patricia Argerey, directora de Tecnoloxía do Grupo Oesía; María Graña, directora de Innovación e Tecnoloxía de Inster; Pascual García, director xeral da Fundación Oesía; Miguel Ángel Piqueras, director de Tecnoloxía de Fotónica e Espazo de Tecnobit, e Santiago Simón, xefe de área de Fotónica da Dirección de Espazo e Tecnoloxías Fotónicas de Tecnobit.
Charlas e visitas aos laboratorios de investigación
Nesta visita ao campus de Vigo os representantes do Grupo Oesía tamén tiveron ocasión de visitar algúns dos laboratorios de atlanTTic (centro cofinanciado con fondos FEDER), como o Laboratorio de Medidas Radioeléctricas, o Laboratorio de fotónica, QOPHI (Quantum, Communication, Photonics & Integration) e o Vigo Quantum Communication Center, onde puideron coñecer de primeira man os equipamentos do centro. Así mesmo, mantiveron conversas con algúns investigadores e investigadoras para afondar nos proxectos nos que están inmersos.
Ademais, organizouse unha charla dirixida a estudantes, no marco do programa Intégrate da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a cargo de Miguel Ángel Piqueras. Na súa intervención, Piqueras expuxo as principais aplicacións e vantaxes das tecnoloxías fotónica e cuántica nos satélites de comunicacións, destacando o seu impacto en áreas clave como as comunicacións ópticas entre satélites ou o procesado de sinal.
Estes encontros reforzan, segundo indicaron os participantes na reunión, o compromiso compartido entre a UVigo e Oesía por seguir avanzando na investigación e na innovación en tecnoloxías de telecomunicación.
Fonte: DUVI.