Universidade de Vigo

Persoal investigador da UVigo analiza os avances e retos daintelixencia artificial nun encontro multidisciplinar

A rápida evolución da intelixencia artificial representa un reto inminente para a sociedade e os gobernos, pero tamén para o mundo científico. Esta tecnoloxía pode revolucionar moitos eidos do coñecemento, pero avaliar as súas potencialidades e eivas é imprescindible para poder sacarlle partido. Con este obxectivo, o campus de Vigo reuniu na mañá deste luns máis de 60 investigadores e investigadoras de diferentes eidos do coñecemento nun encontro multidisciplinar organizado pola Oficina de Proxectos Internacionais de Investigación da UVigo en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic. 

O obxectivo da xuntanza era fomentar a colaboración e a xeración de sinerxías entre persoal, grupos e centros de investigación dos tres campus, empregando a aplicación da intelixencia artificial como fío condutor, e promover proxectos de investigación conxunta. Na apertura do evento, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, e Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, destacaron a importancia de promover a colaboración e a xeración de proxectos conxuntos que poidan contribuír a resolver desafíos complexos mediante o uso de novas tecnoloxías como a IA. Ambos coincidiron en que a IA é unha ferramenta poderosa que debe ser utilizada de maneira colaborativa e interdisciplinar, para maximizar o seu potencial e mellorar os resultados das investigacións.

Debate sobre retos e problemas futuros

Varios expertos e expertas en IA encargáronse de presentar os seus grupos de investigación e as súas capacidades, como Francisco Javier González Castaño, Rebeca P. Díaz Redondo, José Luis Alba Castro, Alberto Gil Solla e Manuel J. Fernández Iglesias, investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Arno Formella, investigador do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

A continuación, estes mesmos expertos foron os responsables de dirixir os grupos de traballo que analizaron as futuras oportunidades de colaboración e puxeron de manifesto como a IA pode ser aplicada en diferentes disciplinas, desde as ciencias sociais ata as ciencias da saúde e a enxeñaría.

A xornada concluíu coa posta en común das principais reflexións e inquedanzas sobre a importancia de seguir avanzando na integración da IA en diferentes campos do coñecemento, ao tempo que se destacaron as oportunidades que xorden ao traballar de forma multidisciplinar.

Un paso máis na aposta pola IA

Nos últimos tempos a intelixencia artificial consolidouse como un pilar fundamental na evolución tecnolóxica actual, actuando como un vector transversal que impulsa avances significativos en diversos sectores. Neste contexto, o centro de investigación atlanTTic integra a intelixencia artificial de maneira holística na súa actividade, aplicándoa en ámbitos diversos como a saúde e coidados, industria, comunicacións ou ciberseguridade e permitindo abordar problemas complexos desde múltiples perspectivas, fomentando a colaboración entre disciplinas e a xeración de solucións innovadoras.

Este encontro representa un paso máis na aposta da Universidade de Vigo por posicionarse como referente na investigación na IA de vangarda, particularmente na aplicación da intelixencia artificial na investigación científica e na innovación tecnolóxica.

Fonte: DUVI