
Vigo é a sede este martes 1 de xullo e mañá mércores 2 de xullo do ‘11th Spain Workshop on Signal Processing, Information Theory and Communications (SIC’25)’, un encontro de referencia a nivel estatal no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación. O SIC’25 céntrase nos avances en procesamento de sinal, algoritmos de aprendizaxe, teoría da información e das comunicacións, así como nas súas aplicacións prácticas en contornas reais e conta cun amplo programa técnico que inclúe relatorios, seminarios especializados e unha sesión de pósteres orientada a investigadores e investigadoras en formación, tanto a nivel de doutoramento como posdoutoral. Precisamente, as persoas participantes son animadas a contribuír activamente a esta sesión de pósteres, que serve como escaparate das investigacións emerxentes máis relevantes no campo.
O workshop tamén inclúe sesións paralelas de networking vinculadas ás actividades da Rede de excelencia Comonsens, que financia o encontro, e que se celebrarán ao longo de toda a semana na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, permitindo afondar na colaboración entre grupos de investigación e facilitar a transferencia de coñecemento. Esta edición, organizada polo Centro de Investigación atlanTTic e subvencionada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e pola Axencia Estatal de Investigación, conta co apoio do programa de actividades de I+D IDEA-CM da Comunidade de Madrid, a través da Dirección Xeral de Investigación e Innovación Tecnolóxica.
Un programa científico de alto nivel
O investigador do Grupo de Procesado do Sinal en Comunicacións do centro atlanTTic da UVigo Roberto López Valcarce, que integra xunto a Joaquín Míguez Arenas e Matilde Sánchez Fernández, ambos da Universidade Carlos III de Madrid, e Sara Pérez Vieites da University of Aalto, o comité organizador do SIC’25, destaca a importancia deste tipo de eventos cara a fomentar a colaboración entre grupos de investigación e establecer novas relacións entre investigadores, sobre todo aqueles en período de formación. “É un orgullo ademais acoller a figuras de renome internacional nas súas áreas como o son os diferentes relatores, algúns dos cales ademais desenvolveron as súas etapas iniciais en atlanTTic antes de establecerse en centros internacionais de primeira liña”.
O programa do workshop inclúe conferencias plenarias a cargo de destacadas figuras internacionais como Robert Heath (University of California, San Diego), que abordará a arquitectura MIMO híbrida para redes 6G; Jana de Wiljes (Ilmenau University of Technology, Alemaña), que falará sobre a estabilidade a longo prazo de filtros gaussianos; Daniel Romero (University of Agder, Noruega), cun relatorio sobre o uso de redes transformer para a estimación de campos espaciais. Na xornada do mércores Gonzalo Mateos (University of Rochester) ofrecerá un seminario sobre técnicas de incrustación espectral en grafos. Incluirá tamén una charla a cargo de Nuria González-Prelcic (University of California, San Diego), centrado na integración de capacidades de sensado e comunicación nas futuras redes sen fíos.
Rede estatal de referencia en comunicacións e procesado de sinal
O workshop SIC’25 insírese nas actividades da Rede de Excelencia Comonsens, unha iniciativa de colaboración científica que reúne 15 universidades españolas co obxectivo de avanzar no coñecemento e desenvolvemento de técnicas innovadoras en procesamento de sinal, teoría da información e aprendizaxe automática (Machine Learning). A rede céntrase en ámbitos estratéxicos como as redes 6G, a Internet das Cousas (IoT), as tecnoloxías cuánticas, os sistemas de comunicación e sensado integrados e os bancos de probas sen fíos (testbeds).
Coordinada pola Universidad Carlos III de Madrid, a Rede conta coa participación de institucións como as universidades de Vigo, A Coruña, Granada, Politécnica de Valencia, Autónoma de Barcelona ou Navarra, entre outras. Durante os dous anos de duración previstos, a rede fomenta a cooperación interdisciplinar en tecnoloxías da información e comunicacións, cun forte enfoque na investigación aplicada e no traballo colaborativo.