Un proxecto centrado no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos valeulle a un equipo formado polos investigadores do centro atlanTTic da UVigo, Alberto Pedrouzo e Fernando Pérez; ao investigador da Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL) en Suíza, Juan Ramón Troncoso; e a Nicolás Gama e Mariya Georgieva da empresa Inpher, o Premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na súa modalidade de investigación sénior.
Aos galardóns, que este ano acadan a súa trixésimo primeira edición, concorreron nas súas dúas modalidades: traballo de investigación realizado por investigadores sénior, dotado con 6.000 euros, e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros, un total de 14 traballos. Mentres o premio de investigación realizado por investigadores e investigadoras sénior recaeu no equipo liderado pola UVigo, o galardón na modalidade de investigadores mozos foi para o traballo Nanosistemas baseados en quitosano como plataforma de administración de vacinas fronte ao neumococo, desenvolvido polo equipo composto por Sandra Robla, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC); Maruthi Prasanna, investigadora da Unité Fonctionnalité et Ingénierie des Protéines (UFIP) da Universidade de Nantes e do CiMUS; Rubén Varela, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; Cyrille Grandjean da UFIP da Universidade de Nantes; e Noemí Csaba do CiMUS da USC.
Os premios serán entregados nun acto o vindeiro mércores, 27 de outubro, no Pazo de San Roque en Santiago.
Esquemas homomórficos máis eficientes fronte a ataques cuánticos
O proxecto premiado na modalidade de traballo de investigación realizado por investigadores sénior céntrase no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos. Segundo explica Alberto Pedrouzo, a criptografía clásica permite, grazas ás técnicas de cifrado, preservar a privacidade da información sensible tanto en almacenamento como nas comunicacións, aínda que advirte que este tipo de ferramenta non é suficiente para protexerse dun terceiro non confiable que ten que facer uso dela. Algúns exemplos desta situación inclúen desde a computación na nube ata as buscas que se fan na Internet.
O investigador da UVigo explica que a seguridade de moitos dos esquemas criptográficos empregados actualmente baséase na dificultade de resolver eficientemente certos tipos de problemas matemáticos. Así, asegura que, desafortunadamente, unha gran parte destes esquemas veríanse seriamente afectados pola aparición dun ordenador cuántico o suficientemente potente, “con repercusións directas na privacidade e integridade das nosas conversacións por Internet, ata mesmo na seguridade das nosas transaccións bancarias”.
O traballo premiado encaixa, por unha banda, dentro do paradigma da criptografía post-cuántica, que persegue deseñar esquemas criptográficos resistentes fronte a ataques realizados, non só por ordenadores clásicos, senón tamén por parte dun ordenador cuántico. Desta forma, os e a autora exploran novas familias de esquemas criptográficos que, polo que se coñece hoxe en día, permiten manter esta propiedade de resistencia cuántica, pero á vez, tamén resultan ser máis eficientes que os actuais. Entre as numerosas aplicacións desta familia de problemas, os autores fan especial fincapé na mellora dun mecanismo máis avanzado, como é o caso das primitivas de criptografía homomórfica. Neste ámbito perséguese deseñar esquemas capaces de traballar coa información cifrada, sen necesidade de descifrala previamente. Os resultados acadados polos investigadores enfrontan as dúas situacións anteriores, deseñando esquemas homomórficos máis eficientes e tamén seguros fronte a futuros ataques cuánticos.
Nun mundo competitivo como o da investigación, Pedrouzo resalta o labor da RAGC para ofrecerlle maior visibilidade, asegurando que a distinción “é un gran incentivo que recoñece o valor da investigación nestas temáticas”, ademais de motivalo para seguir traballando con máis ganas.