Universidade de Vigo

Un novo proxecto piloto 5G aproxima as vantaxes da Educación 4.0 ás aulas universitarias

Clases enriquecidas con contidos 3D, soportados polas novas tecnoloxías 5G, para mellorar as experiencias do alumnado. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu este xoves a presentación de resultados dun novo proxecto piloto 5G desenvolto, nesta ocasión, por un consorcio liderado pola empresa Orange en colaboración co centro atlanTTic da Universidade de Vigo e a multinancional Capgemini. Esta nova rede móbil 5G achega ás aulas universitarias as vantaxes da denominada educación 4.0 facilitando a realización de clases virtuais nas que se combinan as tecnoloxías da realidade aumentada coas comunicacións 5G, o que permite enriquecer a docencia con novos contidos avanzados que serán de utilidade non só para o caso de estudantes que sigan as clases desde os seus propios fogares, senón tamén para os que estean presentes na aula.

Enmarcado no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa a entidade pública empresarial Red.es, impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder, “este proxecto é cun claro exemplo de como estas tecnoloxías permiten traer o futuro ao presente e con el pode tamén comprobarse de xeito claro os excelentes resultados que dá a colaboración público-privada”, tal e como recalcou na presentación o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado Manuel Ramos, intres antes de que se iniciase, no propio salón de actos da escola, unha demostración práctica de como funciona este caso de uso.

Contidos avanzados que enriquecen a docencia

A tecnoloxía desenvolta neste proxecto piloto consiste na instalación na aula dunha cámara que grava en alta definición e transmite en tempo real aos diferentes alumnos e alumnas que se conecten en remoto mediante un servidor instalado na aula. Na demostración os docentes empregan unhas gafas hololens (de realidade aumentada) para mostrar e manipular un modelo 3D, de forma que o alumnado poderá velo no seu móbil en tempo real. Deste xeito, tanto na aula como en remoto, o alumnado terá acceso a un material que facilita a aprendizaxe.

Neste caso a Universidade de Vigo colaborou como cliente final do proxecto, coa participación de varios investigadores e investigadoras do centro atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación como Ana Vázquez Alejos e Felipe Gil. Concretamente, encargáronse de definir os contidos docentes que posteriormente elaborou Capgemini, xunto coa aplicación para as Hololens e a aplicación de vista en terceira persoa.

O desenvolvemento deste piloto 5G permite mostrar as vantaxes da tecnoloxía nun caso de uso de educación. “As redes 5G permiten transmitir en tempo real información multimedia de alta calidade, que pode consultar tanto o estudantado que está presente como o conectado en remoto para mellorar a comprensión dos contidos”, explica Felipe Gil, un dos responsables do proxecto, ao que engade que “este caso de uso mostra como se pode enriquecer a docencia con novos contidos avanzados soportados polas tecnoloxías 5G, tanto para a docencia presencial, a híbrida ou a remota», sinala Gil.

Froito da colaboración público-privada

Ao igual que o vicerreitor, Nani Fernández, directora de Relacións Institucionais de Orange España, insistiu na importancia da colaboración público-privada. “Con este proxecto demóstrase o bo que é colaborar empresas e institucións, sobre todo as universidades, onde están as alumnas e alumnos, que en breve serán o verdadeiro motor da economía e que deben estar en constante contacto coas empresas”, subliñou a responsable de Orange. Xunto a ela referiuse tamén a este aspecto a directora da escola, Rebeca Díaz, quen insistiu na idea de que os traballos que se realizan nestas liñas “tan novidosas” repercuten de xeito claro na formación que se lle dá ao alumnado, “unha formación que é eminentemente práctica e na que hai moito vínculo coas empresas”.

“Con este proxecto o que facemos é ofrecer toda unha serie de tecnoloxías que contribúen a mellorar a experiencia da ensinanza remota de xeito que, tanto os docentes como o alumnado, poidan incorporar novos contidos a través de formatos máis inmersivos”, explicou a responsable de Orange, ao que engadiu que a pandemia “ensinounos que a educación a distancia e, en xeral este tipo de proxectos, chegaron para quedar”.

Na presentación contouse tamén coa participación do director de atlanTTic, o profesor Martín Llamas, que fixo fincapé en que a tecnoloxía 5G é unha das liñas estratéxicas deste centro de investigación. “Neste caso o proxecto facilítanos facer realidade un dos nosos principais obxectivos, que é facer unha investigación de calidade e ser quen de transferila á sociedade, neste caso actuando como demostradores do que é capaz de facer unha tecnoloxía”, salientou o responsable de atlanTTic.

En nome da empresa Capgemini Pablo Herrero explicou as vantaxes da realidade aumentada como ferramenta de futuro, mentres que da presentación do caso de uso se fixo cargo a profesora Ana Vázquez Alejo. Pechou o acto, Francisco Javier García, director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, que puxo o acento en como este tipo de proxectos dan visibilidade as vantaxes do 5G e “ás aplicacións tan disruptivas que traen consigo”.