Universidade de Vigo

atlanTTic achega as súas investigacións ao público nunha nova edición de “Conecta con atlanTTic”

O centro da Universidade de Vigo contará cun stand na rúa Príncipe o vindeiro martes, 17 de outubro, e celebrará unha xornada de portas abertas o venres, en horario de mañá, para centros escolares, e de tarde, para todos os públicos.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, achegará os seu traballo investigador ao público xeral os vindeiros martes 17 e o venres 20 de outubro. O martes, o centro da Universidade de Vigo contará cun posto informativo na rúa Príncipe, diante do Museo Marco en horario de 16:00 a 20:00 horas, no que persoal investigador de atlanTTic fará varias demostracións de avances en comunicacións 5G con un dron que ten conectividade 5G e con Santi, o “can robot”, un modelo cuadrúpedo que contan cunha mobilidade moito máis ampla á de outros tipos de automátas, e que tamén emprega tecnoloxía 5G; e membros da asociación UVigo Spacelab amosarán as súas maquetas e proxectos máis recentes de nanosatélites. Tamén haberá xogos e agasallos para as persoas que se acheguen a visitar o stand.

“Estamos encantados de organizar xornadas como esta -sinala o director de atlanTTic, Martín Llamas- porque nos dá a oportunidade de amosar ao público xeral e a estudantes que queiran encamiñar o seu futuro no noso campo, como é o noso traballo e como se reflicte en melloras reais para o sociedade. É un encontro que levamos facendo desde 2018 e que, este ano presenta dúas novidades: ampliamos o noso horario á mañá e tarde, favorecendo así a visita do alumnado de ESO, bacharelato e FP e, por primeira vez, trasladámonos ao centro da cidade para achegarnos á xente da rúa”.

Baixo o lema “Conecta con atlanTTic”, o venres, día 20, celebrarase unha xornada de portas abertas con horario de mañá para centros escolares de Vigo e da contorna e, pola tarde, de 16:00 a 19:00, para o público xeral. Máis de 100 estudantes de ESO, Bacharelato e FP achegaranse ao centro de investigación, situado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, para coñecer de preto ao equipo de investigación e os seus principais proxectos no ámbito das comunicacións, servizos dixitais e ciberseguridade.

Ao longo desta xornada os asistentes poderán visitar os laboratorios, todos eles referencias nacionais e europeas, que forman parte das instalacións do centro, como o de seguimento de satélites no que ademais da visita guiada, poderán participar nun obradoiro e no seguimento do Lume-1, satélite que se encarga de aportar informacións na loita contra incendios. Outro dos laboratorios que están a disposición do público é o de Acústica coa visita guiada á sala de control non-environment e a sala semi-anecoica, espazo no que todas as paredes, salvo o chan, están acondicionadas coa tecnoloxía Metadyne, material que permite absorber as ondas acústicas. Tamén o laboratorio QOPHI, centrado na investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados, no que coñecerán máis sobre á revolución que supoñen os chips que empregan esta tecnoloxía.

Ademais destes espazos, os investigadores e investigadoras amosarán ao público dun xeito ameno e interactivo, algúns dos proxectos desenvolvidos no centro vinculados coas comunicacións 5G, ópticas e vía satélite, ou proxectos como Panoramix, capaz de diagnosticar a demencia a través do xogo, e o asistente conversacional CELIA, un chatbot con empatía para entreter e acompañar a persoas maiores. Tamén sistemas de radar e xeoposicionamento; a aplicación SignaMed, que traballa no recoñecemento automático de lingua de signos para facilitiar a comunicación coas persoas xordas; e Lightboard, un taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital.

atlanTTic é un centro de investigación punteiro composto por máis de 150 profesionais que centran a súa actividade en tres áreas de I+D+i: comunicacións, servizos dixitais e ciberseguridade. O seu equipo investigador participa e lidera proxectos de investigación colaborando con socios tecnolóxicos nacionais e internacionais, como a Axencia Espacial Europea (ESA), e ten como un dos seus principais obxectivos xerar coñecemento de alto valor engadido para transferilo ao tecido produtivo.

Entre tódalas e tódolos visitantes, atlanTTic sorteará un kit de regalos promocionais do centro. As portas abertas requiren inscrición previa que pode realizarse a través da propia web de atlanTTic: https://atlanttic.uvigo.es/evento/xornada-de-portas-abertas-2023