Universidade de Vigo

Faladoiros no Berbés: Enxeñaría da privacidade

O mes de xuño chega a Vigo cunha nova proposta cultural, o ciclo de coloquios divulgativos “Faladoiros no Berbés. Os mundos científicos de Vigo”, unha proposta que chega da man da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo en colaboración co Ateneo Atlántico e coa que se busca achegarlle á cidadanía o traballo que recoñecidas investigadoras e investigadores vigueses están a levar a cabo por todo o mundo da man de persoal investigador da UVigo que traballa no mesmo campo de estudo.

Con vocación de continuar no tempo e converterse en cita mensual, nesta primeira edición do ciclo haberá tres sesións: o 3, 10 e 12 de xuño, ás 19.30 horas no edificio Redeiras, con entrada libre totalmente de balde.

Enxeñaría da privacidade

O segundo faladoiro será o 10 de xuño e levará por título “Enxeñería da privacidade”. Correrá a cargo da docente da Escola Politécnica Federal (EPFL) de Lausanne Carmela González Troncoso, enxeñeira de telecomunicación e investigadora viguesa especialista en privacidade. Estará acompañada polo profesor da UVigo Fernando Pérez González, catedrático de Telecomunicación e coordinador do grupo de investigación Procesado de Sinal en Comunicacións de atlanTTic.