Universidade de Vigo

International Girls in ICT Day

Segundo o Foro Económico Mundial, tan só o 6% dos CEO da industria tecnolóxica son mulleres e nos consellos directivos das empresas de todo o mundo as mulleres representan tan só un 19% dos cargos. Denunciar e loitar contra esta fenda de xénero no mundo tecnolóxico son os obxectivos do Día Internacional das Nenas nas TIC, unha data que se conmemora dende hai xusto 10 anos cada cuarto xoves do mes de abril. O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, súmase a esta conmemoración cun certame de fotografía e vídeo curto para reivindicar o rol das nenas e das mulleres no mundo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

Con este concurso o centro de investigación únese á multitude de actividades que se organizan baixo a iniciativa internacional #GirlsinICT, orientada a espertar o interese das nenas por ámbitos relacionados coas TIC e que este ano celebra xa o seu décimo aniversario.

Desde atlanTTic convidan á cidadanía en xeral a participar neste certame para conseguir amosar coas súas creacións artísticas a presenza feminina no ámbito científico, na enxeñaría e nas TIC. O obxectivo é fomentar e alentar as vocacións das nenas cara disciplinas STEM e contribuír deste xeito á eliminación da fenda de xénero neste sector. E é que os datos amosan que aínda quedo moito por facer neste eido, xa que na Unión Europea de cada 1000 mulleres con titulación universitaria, só 29 se gradúan en algunha carreira relacionada coas TIC e, delas, só 4 terminan nun posto de traballo relacionados coas novas tecnoloxías de información e comunicación.

Presentación de traballos ata o 28 de maio

O certame conta con dúas modalidades, fotografía e vídeo curto. As fotografías admitiranse obras en branco e negro ou en cor e realizadas mediante calquera técnica dixital (cámara fotográfica, móbil…). En canto aos vídeos curtos, a única condición é que teñan unha duración máxima de 1 minuto.

Tanto as fotografías como os vídeos deberán ser obras orixinais e inéditas, non publicadas con anterioridade noutro medio e realizadas con calquera técnica dixital. Cada persoa poderá concorrer cunha única proposta, pero pode facelo en ambas modalidades, seguindo as indicacións recollidas nas bases do certame dispoñibles nesta páxina.

O prazo para entregar propostas permanecerá aberto ata o 28 de maio ás 14.00 horas e outorgarase un premio económico de 70,00 € ao mellor traballo en cada unha das modalidades.

As pezas gañadoras serán seleccionadas por un xurado que valorará a capacidade de crear obras orixinais, artísticas, creativas e con amplo significado, e tamén terán en conta o interese e a adecuación á temática proposta pola organización. As obras gañadoras serán anunciadas a través da páxina web do centro o 4 de xuño de 2021.

 

Bases do certame

Temática

A temática do certame consiste en plasmar de maneira creativa o rol das nenas e das adolescentes no mundo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). A finalidade da iniciativa é amosar a presenza feminina no ámbito científico en xeral, e na enxeñaría e nas TIC en particular, alentar as vocacións tecnolóxicas das nenas e contribuír á superación dos estereotipos de xénero.

Participantes

O certame está aberto á participación de todo o público en xeral.

Modalidades

• Fotografía.

  • Admitiranse obras en branco e negro ou en cor, realizadas mediante calquera técnica dixital (cámara fotográfica, móbil…).
  • Admitirase unha única imaxe por autor/a.
  • Deberá ser unha obra inédita e orixinal, non publicada anteriormente a través doutros medios.

• Vídeo curto.

  • Os vídeos deberán ter unha duración máxima de 1 minuto.
  • Admitirase un único vídeo por autor/a.
  • Deberá ser unha obra inédita e orixinal, non publicada anteriormente a través doutros medios.

Presentación dos traballos

  • Enviaranse en formato dixital (BMP, GIF, JPG, TIF ou PNG) ao enderezo comunicacion@atlanttic.uvigo.es ou por transferencia de arquivos.
  • Indicar “Certame Nenas nas TIC” no asunto do correo, xunto cos datos da persoa participante: nome e apelidos.
  • A data límite de envío será o 28 de maio de 2021 ata as 14.00 horas.

Criterios de selección

Valorarase a capacidade de crear obras orixinais, artísticas, creativas e con amplo significado, así como o interese e adecuación á temática proposta.

A selección das obras gañadoras realizarase por proposta dun xurado formado por un/a fotógrafo/a profesional, un membro do persoal investigador do centro de investigación atlanTTic e un membro do Persoal de Administración e Servizos da Universidade de Vigo.

As fotografías presentadas a concurso pasarán a ser propiedade exclusiva de atlanTTic, non podendo ser utilizadas polo autor/a en outros concursos ou publicacións. AtlanTTic poderá facer o uso que considere oportuno das mesmas, incluíndo sempre unha referencia ao seu autor/a.

Premios

O premio será un cheque por valor de 70 € para as obras gañadoras en cada unha das modalidades.

Os fondos destinados a estes premios irán con cargo á aplicación orzamentaria 2021 T135 131H 6490209. Os premios estarán suxeitos á retención da porcentaxe de IRPF correspondente.

Resolución do certame

A decisión do xurado publicouse o venres 4 de xuño de 2021.

Máis información

Para calquera dúbida ou aclaración pódese contactar con atlanTTic, centro organizador do certame:

atlanTTic – Research Center for Telecommunication Technologies
Campus Universitario
36310 Vigo

+34 986 813 733
comunicacion@atlanttic.uvigo.es