G-Night 2022: a ciencia e a investigación chegan á cidade

O pasado venres 30 de setembro tivo lugar a celebración da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night, cuxo evento en Vigo foi coordinado pola Universidade de Vigo e a Unidade de Cultura Científica. A praza do Berbés, entre outras localizacións de todo o territorio galego, reuniu a investigadores e investigadoras de varios centros de investigación, facultades e escolas, incluídos atlanTTic e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. Coas actividades do noso stand, «Achégate ás telecomunicacións», levamos a ciencia a todas as persoas que se aproximaron para coñecer máis a fondo o noso traballo.

Expo-feira científica na praza do Berbés

A praza do Berbés foi o centro neurálxico da G-Night en Vigo coa expo-feira científica. Un dos nosos investigadores, Felipe Gómez Cuba, tamén docente da E.E. de Telecomunicación, realizou diversas actividades dirixidas ao público infantil. Coa realización dun teléfono con sinxelos materiais ou coa representación dos píxeles a través dun debuxo, entre outras actividades, achegou ás telecomunicacións dun xeito fácil e divertido á cidadanía.

Por outra banda, Rebeca Díaz Redondo e Manuel Caeiro, investigadores de atlanTTic e docentes da EET, presentaron o seu proxecto AdEII. Desta forma puideron amosar ás persoas que visitaron o stand como a ciencia desenvolve un papel fundamental na sociedade a través deste proxecto. AdEII facilita a autoavaliación e o seguimento de enfermidades intestinais inflamatorias a doentes que padecen de enfermidades como a Crohn ou a colite ulcerosa.

Participación no programa da Cadena SER “Hoy por hoy”

Con motivo da celebración da G-Night o pasado venres tamén tivo lugar a retransmisión do programa de radio da Cadena SER “Hoy por hoy” no edificio Redeiras, en Vigo. No programa participou Rebeca Díaz Redondo, unha das nosas investigadoras e directora e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Interviñeron tamén na sesión Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo; Belén Rubio, vicerreitora de investigación e transferencia da UVigo;  ademais de representantes dos centros de investigación Cintecx, CIM e do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE).

Rubio, fixo fincapé en que, coa celebración da G-Night, hai unha clara intención de baixar a universidade á cidade, unha maneira de achegar o coñecemento científico que se fai nos laboratorios e a investigación dos centros de investigación. Pola súa banda, Mónica Valderrama, falou da forte aposta que se fai coa G-Night en Vigo cunha completa programación que se suma ás 400 cidades europeas que celebran a Noite Europea das Persoas Investigadoras.

Rebeca Díaz, resaltou que, coa G-Night, a idea é fomentar as vocacións científicas entre os rapaces e rapazas, para o que se propuxeron algunhas actividades para a xornada relacionadas cos píxeles, sobre o almacenamento da imaxe e o son ou como se pode propagar información por radiofrecuencia ou por fíos. Destacou ademais a realización de manualidades no stand de atlanTTic e a EET na G-Night para nenos e nenas, e a mostra dun equipo de laboratorio para que os e as máis maiores poidan investigar en primeira persoa.

Intelixencia artificial con ‘Ciencia no bar’ en Pontevedra

A programación da G-Night tamén incluía a celebración de relatorios en diversas cidades con “Ciencia no bar”. En Pontevedra, José Carlos López Ardao, investigador do noso centro e docente de Teleco Vigo, buscou achegar ao público dun xeito sinxelo a intelixencia artificial, a través de exemplos da súa presencia na nosa vida cotiá.