Universidade de Vigo

Santi, o robot peregrino, chega a Compostela

Partiron de Portomarín o martes e hoxe Santi e Elisa chegaron xuntos á praza do Obradoiro. Santi é un robot cuadrúpede do Grupo de Tecnoloxías da Información do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo e, nesta particular peregrinación, foi tamén os ollos e os pés de Elisa, unha empregada da empresa Cisco con mobilidade reducida que, grazas a este robot, tivo a posibilidade de realizar, desde Italia, varios tramos do Camiño de Santiago ‘tele-camiñando’, unha experiencia a que se referiu como “tremendamente satisfactoria” e da quedou “moi contenta”, tal e como lles trasladou aos enxeñeiros da UVigo implicados neste proxecto: Alberto Estévez, Rubén Pérez, Javier González Castaño e Felipe Gil.

A iniciativa formou parte dun reto solidario impulsado por Cisco na que máis de 400 empregadas e empregados da firma procedentes de 20 países, incluíndo á propia Elisa, completaron o último tramo do camiño recadando fondos para diferentes causas, entre elas, a loita contra o cancro.

Felipe Gil: “Cumpríronse todas as nosas expectativas”

Santi e Elisa percorreron xuntos dous tramos do Camiño: a saída desde Portomarín e a chegada á praza do Obradoiro, onde, seguindo as instrucións dos enxeñeiros da UVigo, non dubidou en bailar o tema  Terra das Tanxugueiras. “Cumpríronse todas as nosas expectativas de funcionamento do sistema, non deu problemas nin en terreos pedregosos, nin en terra, nin tampouco en asfalto”, explica o profesor Felipe Gil, quen salientou que “as cousas foron, incluso, mellor do agardado”.

Equipado cunha cámara de visión 360, adaptada polo grupo GTI da UVigo, e conectado á rede 5G de Telefónica, que achega a velocidade e latencia necesarias para responder en tempo real, Santi puido seguir as ordes de Elisa a través de la plataforma de colaboración Cisco Webex  e dunha interfaz tipo ’joystick’ deseñada especificamente por Makenai.

De cara a posibles perfeccionamentos do funcionamento de Santi, desde a UVigo intentarán seguir mellorando o sistema de visionado e tratarase tamén de que a persoa que o ten en remoto poida empregar unhas gafas de realidade virtual, “de maneira que sexa aínda máis inmersivo e se incremente tamén a sensación de realidade”.