Universidade de Vigo

O Camiño de San Rosendo incorpórase a rurAllure, a plataforma que potencia o patrimonio rural nas rutas de peregrinación

Imaxe do Camiño de San Rosendo. Fonte: Asociación Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santa

rurAllure, a plataforma que pon en valor o patrimonio rural e axudará a viaxar aos peregrinos de todos os camiños de Europa, ven de incorporar un novo socio, a Asociación Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santa, unha variante do sur da provincia de Ourense que parte de Braga e enlaza en Ourense coa Vía da Prata.

O coordinador de rurAllure, o investigador de atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo), Martín López Nores, amosou a súa satisfacción pola nova incorporación co que son xa 50 entidades e organismos de 11 países diferentes nos que ademais de España e Portugal, atópase Italia, Hungría, Noruega, Eslovaquia, Austria, Alemaña, Romanía, Reino Unido e Francia. “O que pretendemos é crear un ecosistema de rutas de peregrinación a nivel europeo, de xeito que un peregrino teña información sobre puntos de interese local, tanto culturais e patrimoniais como sociais, que non están a pé de camiño. Trátase de fomentar que o visitante se adentre no territorio rural próximo para coñecer o seu patrimonio”.

No caso do ramal do Camiño de San Rosendo, segue os pasos da Rainha Santa que partiu da de Braga, nun traxado cheo de riqueza no que o peregrino descobre o legado dos romanos, a reserva do Biosfera Transfronteiriza Geres-Xurés, ata a vila de Celanova, fundada por San Rosendo na que ademais do seu patrimonio arquitectónico destaca polo literario xa que foi berce de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín.

Liderado pola Universidade de Vigo, rurAllure é un proxecto H2020 financiado con tres millóns de euros. As interfaces web e móbil permiten que cada usuario deseñe a viaxe en función dos seus gustos e intereses. Coordinado polo investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Martín López Nores, rurAllure conta tamén co apoio da Facultade de Historia a través da profesora Susana Reboreda, investigadora principal da área de Ciencias da Antigüidade do GEAAT.

Neste intre rurAllure está a probar catro pilotos correspondentes aos camiños con destino a Santiago, Roma, Trondheim (Noruega) e Csíksomlyó (Romanía). En 2023 a plataforma estará rematada con audio-guías e narrativas multimedia, información sobre tendas e servizos locais, transportes dispoñibles para os desprazamentos… converténdose nun xestor de contidos único e homoxéneo para todos os camiños de Europa. “Non hai unha tecnoloxía igual aplicada a este tipo de experiencias de viaxe”, conclúe o investigador.