Universidade de Vigo

atlanTTic celebra a 4ª edición das súas xornadas internas

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación celebrou esta mañá no Salón de Graos da E.E. de Telecomunicación a cuarta edición das Jornadas Internas de atlanTTic (JIA’2024), unha xornada na que varios dos nosos investigadores e investigadoras expuxeron os proxectos nos que están traballando.

As JIA nacen en 2020 co obxectivo de crear un espazo para que o persoal investigador do Centro poida poñer en común as diferentes liñas de investigación e proxectos en curso, buscando fomentar a exploración de sinerxias e a xeración de proxectos e colaboracións de carácter interdisciplinar. Durante toda a mañá presentáronse os últimos proxectos e avances científicos que se desenvolven en atlanTTic en diversos ámbitos: ciberseguridade, electrónica e protocolos de comunicacións, sistemas aeroespaciais, fotónica, electromagnetismo, teledetección así como a educación e saúde dixital, entre outros.

Esta cita, xa habitual no Centro, permite o intercambio de coñecemento e boas prácticas, á vez que impulsa sinerxias entre o persoal investigador. Nesta xornada participaron doce investigadores e investigadoras do centro atlanTTic: Ana Fernández Vilas (I&CLab), Felipe Gil Castiñeira (GTI), Fernando Pérez González (GPSC), Ana Vazquez Alejos (SR), Rebeca P. Díaz Redondo (I&CLab), Juan Carlos Burguillo Rial (GTI), Fernando Martín Rodríguez (GDAF), Carlos López Ardao (NetLab), Carlos Ulloa Sande (GTA), Laura Docío Fernández (GTM) e Felipe Gómez Cuba (GPSC).