Universidade de Vigo

monodon by Navantia e o laboratorio Qophi de atlanTTic lanzan o primeiro reto de innovación dedicado a comunicacións ópticas

Vigo converterase entre o 8 e o 10 de xullo no epicentro da innovación en tecnoloxías fotónicas coa celebración de The Pulse Hackathon. Durante 28 horas ininterrompidas, estudantes de todo o país enfrontaranse en equipos a un desafío sobre comunicacións ópticas no ámbito submarino. Este evento nace da Cátedra Deeptech entre monodon by Navantia e QoPhi, o laboratorio do Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo) dedicado á investigación e divulgación de fotónica.

A fotónica é a disciplina que utiliza fotóns (luz) en lugar de electróns para transmitir información. As comunicacións fotónicas permiten enviar grandes cantidades de datos a maior velocidade con mínima interferencia e de forma máis cibersegura. O seu estudo e desenvolvemento será clave para o sector das telecomunicacións e o desenvolvemento dos compoñentes electrónicos do futuro.

A quen vai dirixido

A participación está deseñada para alumnos de últimos cursos de grao, mestrado ou doutorado que conten con sólidos coñecementos técnicos na materia. O hackathon contará cunha selección exclusiva de entre 6 e 8 equipos, compostos por 4 o 5 persoas cada un, garantindo unha contorna de traballo colaborativa e de alto nivel.

Premios á innovación

Máis alá da experiencia de traballar con mentores líderes no sector e enfrontarse a tecnoloxías de última xeración, o equipo que logre a solución máis eficiente e creativa recibirá un premio de 500€ por persoa. Adicionalmente, outorgaranse outros premios para destacar as contribucións excepcionais dos participantes.

Inscricións e más información na web: PULSE Hackathon