Universidade de Vigo

The Mind Guardian celebra o seu primeiro aniversario coa prevención como pilar no coidado da saúde cerebral

Investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, participaron este martes en Madrid no acto de celebración do primeiro aniversario de The Mind Guardian, unha aplicación baseada en intelixencia artificial orientada á detección temperá de sinais de deterioro cognitivo, desenvolvida por investigadores de atlanTTic en colaboración coa empresa Samsung.

A ferramenta, presentada en 2025 como un avance no ámbito da saúde dixital, permite realizar unha autoavaliación da memoria desde o fogar a través dun sistema gamificado e accesible, dirixido a persoas maiores de 55 anos sen síntomas evidentes. Desenvolvida tras máis dunha década de investigación, combina probas cognitivas tradicionais con técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe automática, acadando unha precisión próxima ao 97%. 

No seu primeiro ano de funcionamento, a aplicación superou xa os 5000 test realizados e permitiu identificar posibles sinais de risco de deterioro cognitivo nun 5% dos casos, o que reforza o seu potencial como ferramenta de cribado inicial e apoio á prevención.

Froito dun traballo que arrancou en 2014

O proxecto ten a súa orixe nunha liña de investigación iniciada en 2014 por un equipo multidisciplinar das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, centrada na combinación de gamificación e intelixencia artificial para a avaliación da memoria e a detección precoz de demencias. A partir destes traballos desenvolveuse unha batería de videoxogos capaces de analizar diferentes tipos de memoria, que constitúen a base da actual aplicación.

Segundo datos da Sociedad Española de Neurología, máis do 50% da poboación descoida hábitos clave para a saúde cerebral e ata o 40% dos casos de alzhéimer poderían previrse. Neste contexto, The Mind Guardian pon o foco na importancia da prevención e no acceso a ferramentas que faciliten a detección temperá.

Primeiro aniversario e foro de debate

No marco da celebración do aniversario, tivo lugar o foro The Mind Guardian: tecnoloxía e prevención, no que participaron especialistas de diferentes ámbitos e representantes de atlanTTic, abordando factores clave como a alimentación, o sono, o exercicio físico, a estimulación cognitiva e a xestión emocional.

Desde atlanTTic desprazouse ata Madrid para participar neste evento Manuel Fernández Iglesias, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, quen salientou que a aplicación está concibida como unha ferramenta de orientación e non de diagnóstico clínico. “Falar dunha precisión próxima ao 97% significa que a ferramenta ofrece unha base robusta para orientar un primeiro cribado, pero non substitúe en ningún caso á avaliación clínica”, explicou Fernández Iglesias, resaltando así que “o seu valor está en axudar a actuar antes e acercar a prevención a máis poboación”. 

Os primeiros datos de uso indican que a maior parte das persoas usuarias sitúanse entre os 55 e os 69 anos, o que confirma o interese deste tipo de solucións na franxa de poboación á que vai dirixida.

Este primeiro ano demostra que o coidado e a prevención da saúde cerebral pode facerse máis accesible cando a investigación científica, a tecnoloxía e a experiencia de usuario traballan xuntas. “Ese é o sentido de The Mind Guardian: axudar a que máis persoas poidan dar un primeiro paso antes de que apareza a preocupación”, sinalou, pola súa banda, Elena Fernández, CMO de Samsung Electronics Iberia. O doutor Jesús Porta-Etessam, neurólogo e presidente da Sociedad Española de Neurología, recalcou no acto que, tendo en conta que “máis do 90% dos ictus e ata o 40% dos casos de alzhéimer poden previrse con hábitos cerebro-saudables, a prevención deixa de ser unha recomendación xeral e pasa a ser unha prioridade sanitaria. Tendo en conta que a prevalencia das enfermidades neurolóxicas vai en aumento, previr é a ferramenta máis poderosa que temos para reducir o seu impacto na poboación”. 

Fonte: DUVI.