Universidade de Vigo

Unha xornada sobre ciberseguridade pon fin ao ciclo ‘Conectando en Igualdade’ de atlanTTic

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrou hoxe a terceira e última xornada “Conectando en Igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico”, coa que se puxo o broche de ouro a este ciclo de sesións sobre tecnoloxía e igualdade.

Na apertura da xornada contouse coa participación de Manuel J. Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic; Rebeca P. Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Mar F. Cendón, técnica da Unidade de Igualdade, que deron paso a unha mesa redonda que se encargou de moderar a investigadora de atlanTTic e profesora da EET, Edita de Lorenzo. 

Chamada a que sexan elas as que actúen como axentes de cambio

Participaron nesta mesa redonda catro expertas en ciberseguridade, tanto do ámbito empresarial como do académico: Ana Fernández Vilas, investigadora de atlanTTic e coordinadora da Cátedra R en Ciberseguridade e do máster interuniversitario MUniCS; Eduvigis Ortiz, presidenta e fundadora de Women4Cyber Spain; Pilar Vila, CEO en Forensic & Security, e Elena Rodríguez Lois, investigadora da área de ciberseguridade de atlanTTic. 

As catro tiveron a oportunidade de relatar a súa experiencia ao longo da súa traxectoria como mulleres enxeñeiras no sector da ciberseguridade, pondo o foco na baixa representación feminina en carreiras técnicas e na brecha de xénero que segue existindo neste campo. A maiores, coincidiron tamén en facer fincapé na importancia de mudar esta mirada, para o que se considerou importante que sexan as propias mulleres as que actúen como axentes de cambio.

A transformación do mundo da tecnoloxía, incorporando unha perspectiva multidisciplinar e unha visión máis feminista e diversa, foi a principal reivindicación da xornada, á que se uniron outras como que todos e todas debemos ter as mesmas opcións de futuro, algo que, ao seu xuízo, só se conseguirá educando en igualdade de oportunidades. 

Todas as xornadas organizadas no marco deste ciclo contaron co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, grazas ás axudas do Distintivo de Igualdade obtido polo centro atlanTTic en 2023. 


Fonte: DUVI.