O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo celebrou este martes no Espazo Incuvi a xornada Talento TIC e igualdade, un espazo de encontro e reflexión arredor da captación e retención de talento, con especial atención á presenza feminina nun sector no que a fenda de xénero continúa a ser unha realidade.
O acto de apertura contou coa participación de Martín Llamas, director de atlanTTic, quen destacou o compromiso do centro coa promoción da igualdade e a diversidade, “como elementos indispensables para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e un ecosistema tecnolóxico máis competitivo e innovador”; Mar F. Cendón, técnica da Unidade de Igualdade da UVigo, e Ara Núñez Montenegro, enlace de igualdade de atlanTTic na UVigo. Trala benvida institucional, deuse paso a unha mesa de debate conducida por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento, na que se contou coa participación de Cristina Martín, directora de Talento e Persoas en Optare Solutions; Leticia Costas, CEO de Kidcode, e Juan Ventura, xestor de Talento en Balidea.
Igualdade e fenda de xénero
A xornada puxo o foco na baixa presenza feminina nas titulacións técnicas, especialmente nas enxeñarías, onde as mulleres representan só arredor dun 20-25% do alumnado. Esta realidade reflicte unha fenda de xénero que se traslada ao ámbito laboral e que condiciona a diversidade e o potencial innovador do sector TIC.
Neste sentido, Mar Cendón destacou a importancia de seguir promovendo iniciativas con perspectiva de xénero desde a UVigo, como o 11-F (Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia) ou o programa Inspira STEAM, que contribúen a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas e mozas, ofrecendo referentes femininos próximos e reais. “Estas accións son fundamentais para xerar unha transformación sostida no tempo e garantir unha maior presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico”.
Atraer e reter talento, un desafío crecente
Ao longo do debate, analizouse a dificultade cada vez maior que afrontan as empresas para atraer e fidelizar profesionais. As e os participantes coincidiron en sinalar que, nun contexto de cambio constante, as organizacións deben ofrecer moito máis ca un salario competitivo: é preciso construír contornas de traballo con valores, cultura corporativa e proxectos inspiradores, que conecten coas aspiracións das persoas.
O debate xirou arredor da crecente problemática na captación e retención de talento no ámbito tecnolóxico, especialmente no sector TIC, tendo en conta a fenda de xénero que aínda persiste neste eido, onde a presenza feminina continúa a ser minoritaria. Segundo Cristina Martín, “o talento require unha proposta de valor clara e coherente, comprometida cos proxectos nos que se traballa na empresa”. Nesta liña, apuntou que o chamamento de talento convértese case nun “exercicio de marketing”, no que as empresas deben saber transmitir a súa esencia e atractivo.
Pola súa banda, Juan Ventura destacou a importancia de fomentar espazos onde “as persoas poidan expresar libremente o seu talento”. Subliñou tamén que as prioridades da mocidade cambiaron: buscan proxectos con impacto social e oportunidades para equilibrar vida persoal e profesional. Por outra banda, Leticia Costas incidiu na necesidade de apostar por persoas “inquietas, con chispa e capacidade de inspirar”, e lembrou que o sentimento de pertenza, a aprendizaxe continua e o autocoñecemento son claves para nutrir o talento e facelo medrar dentro das organizacións.
Diversidade, innovación e equipos multidisciplinares
Outro dos aspectos destacados foi a necesidade de conformar equipos diversos e multidisciplinares, que integren non só perfís técnicos, senón tamén profesionais procedentes das humanidades, a comunicación ou as ciencias sociais. Este enfoque, apuntaron as persoas participantes, favorece a innovación, o pensamento crítico e o desenvolvemento de solucións máis inclusivas e adaptadas á sociedade.
A combinación de perfís tecnolóxicos e humanistas permite, tal e como se defendeu na mesa redonda, afrontar os desafíos do sector TIC desde unha visión máis ampla e creativa, potenciando o valor das persoas e das súas experiencias como motor de cambio.
Fonte: DUVI.

