Universidade de Vigo

Galicia acollerá en outubro a segunda edición do New Space España, o congreso que pretende impulsar o liderado da industria espacial española

Galicia converterase os días 27 e 28 de outubro de 2022 no punto de encontro das principais institucións, empresas e startups do sector aeroespacial en España. O evento New Space España chega a súa segunda edición, que se celebrará na Sede Afundación de Vigo, co obxectivo de analizar as capacidades, desafíos e proxectos da industria espacial española.

Baixo o lema ‘O camiño cara o liderado global’, New Space España 2022 pretende fomentar a interacción entre as compañías e organismos líderes do sector espazo en España e as empresas que están a irromper da man do chamado New Space. A irrupción dos pequenos satélites e a redución de costes e prazos de tempo, abriu o espazo a empresas e países que ata fai uns anos víano como un terreo inaccesible.

Alén Space, empresa especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, xoga un papel fundamental na edición deste ano como organizador do New Space España.

Patrocinan o evento, grandes compañías recoñecidas a nivel nacional e internacional polo seu liderado no eido da tecnoloxía e o Espazo, como INDRA e GMV, e tamén empresas españolas líderes e referentes do New Space, como Satlantis, PLD Space, DHV Technology e Alter Technology. Ademais, desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), prestamos o noso apoio á cita xunto con outras institucións públicas como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, apostando pola innovación e o talento da nosa comunidade.

Conferencias e mesas redondas con más de 30 profesionais do sector

Durante as dúas xornadas do congreso, máis de 30 expertos e expertas participarán nunha serie de conferencias e mesas redondas nas que se analizarán os grandes proxectos de misións espaciais ligadas á marca España, as tendencias de maior relevancia do sector e as posibilidades de colaboración público-privadas que permitan atraer inversións a un mercado estratéxico. Un mercado que pode converter a España nun dos principais países receptores de financiación en Europa. New Space España 2022 contará con representación de toda a cadea de valor da industria espacial española, desde fabricantes de satélites a provedores, lanzadores, inversores, organismos ata axencias públicas, entre outros.

Proximamente, a través da web oficial do evento, poderanse adquirir as entradas para asistir á cita e coñecer tódolos detalles da mesma. New Space 2022 aspira a mellorar as cifras da edición anterior, que contou con máis de 25 poñentes, 170 persoas inscritas e 80 empresas asistentes.