Universidade de Vigo

Integrantes de atlanTTic participan na sesión de avaliación da misión espacial BIXO, impulsada por UVigo SpaceLab

Os líderes da misión espacial BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit), de UVigo Spacelab, expuxeron onte o traballo realizado ata a data ao abeiro do proxecto nunha xuntanza celebrada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O obxectivo da cita era o de garantir que BIXO cumpre con todos os requisitos aplicables ao desenvolvemento de proxectos espaciais europeos para, así, poder iniciar a creación de modelos para o seu testeo e a súa fabricación final.

O director do centro de investigación atlanTTic, Martín Llamas, xunto coa directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, deron a benvida ás e aos asistentes. Ademais, os tres, manifestaron o seu “orgullo” por unha iniciativa na que os e as estudantes son os auténticos protagonistas e que segue a estela, como lembrou Díaz, dunha traxectoria aeroespacial que se iniciou no ano 2007 da man do docente Fernando Aguado, investigador de atlanTTic implicado no seguimento do proxecto e un dos asistentes.

Na revisión do proxecto –Preliminary Requirements Review, PRR- participaron empresas de distintos sectores, entre elas tres das firmas que patrocinan a misión: DHV Technology, UARX Space e a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space. Desde o ámbito universitario participaron responsables de distintos grupos de investigación, tanto do noso Centro como do Cinbio, xa que, na misión BIXO, o ámbito biotecnolóxico ten un importante peso, non en van o principal obxectivo é analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.