Universidade de Vigo

O traballo de atlanTTic sitúa á UVigo entre as 300 mellores universidades do mundo en telecomunicacións, segundo o ranking Shanghai

O traballo do persoal investigador de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación sitúa, un ano máis, á Universidade de Vigo entre as 300 mellores do mundo e sétima de España en materia de telecomunicacións, segundo o ranking de Shanghai. Os papers publicados polos investigadores e investigadoras de atlanTTic contribuíron nun 90,32 por cento (do total da contribución da UVigo) a obter esta posición.

Todos os traballos, relacionados coas comunicacións 5G, as tecnoloxías cuánticas e a fotónica, a ciberseguridade ou os satélites, moitos deles en colaboración con axencias espaciais como a ESA e grandes multinacionais, logran situar á UVigo no tramo 201-300 deste informe asinado pola Academic Ranking of World Universities (ARWU), que clasifica a máis de 1.800 institucións de 96 países.

Os indicadores empregados neste ránking inclúen 54 campos de estudio e a posición de cada universidade analizada calcúlase en función do número de artigos publicados en revistas como Science o Nature, a proxección que alcanzan ditos traballos, a colaboración internacional e premios internacionais como o Nobel e as Medallas Field (aspecto no que as universidades españolas non puntúan).

O principal obxectivo de atlanTTic é investigar, atraer talento, xerar coñecemento de alto valor engadido e transferilo ao tecido produtivo. No último ano xestionáronse con éxito 42 proxectos activos, 21 deles internacionais, e máis de 1,4 millóns de euros captados.

atlanTTic abarca tres grandes áreas de investigación: comunicacións, servizo dixitais e ciberseguridade. Dentro destes bloques, destacan liñas de traballo como radar e teledetección, comunicacións satélite e radio, sistemas aeroespaciais e de defensa, fotónica e comunicacións ópticas, redes de datos, saúde e educación dixital, servizos electrónicos e intelixentes, tecnoloxías multimedia, xestión de datos, seguridade multimedia, privacidade e criptografía, e comunicacións cuánticas.