O vindeiro 29 de maio, o mercado de Sabarís (Baiona) acollerá a expo-feira científica “A ciencia que vén”. Este evento, organizado pola Unidade de Cultura Cienttífica e da Innovación, pretende achegar a ciencia e a investigación da Universidade de Vigo á cidadanía dun xeito lúdico e participativo.
Ao longo da xornada, poderanse visitar arredor de 20 obradoiros interactivos, onde grandes e pequenos poderán achegarse ao fascinante mundo da investigación científica. En horario de mañá, a feira recibirá a visita do alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros educativos do concello.
Pola tarde, a cita está aberta a todas as familias, con entrada libre e gratuíta, para que poidades gozar dunha tarde diferente e chea de curiosidade científica.
Desde atlanTTic participaremos con tres postos:
>> Da terra ao espazo pasando pola lúa (Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais | atlanTTic)
Este posto permitiralles ás persoas participantes descubrir o mundo dos satélites, especialmente os CubeSat, interactuar con maquetas a escala real e aprender sobre o deseño e funcionamento destes dispositivos.
>> Pero ti sabes con quen estás falando? (Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) | atlanTTic)
Usas habitualmente os bots de charla, pero coñeces como funcionan realmente estas ferramentas e que riscos supoñen? Neste posto aprenderás a empregalos correctamente e descubrirás os seus riscos e tódalas súas utilidades.
>> Fotónica e tecnoloxías cuánticas (QOPHI Lab | atlanTTic)
A próxima xeración de comunicacións utilizará luz e a física cuántica para transmitir información de forma máis rápida e segura. Neste espazo mostraremos cómo funcionan os sistemas fotónicos e os chips integrados que están transformando as telecomunicacións.