O proxecto Hygia, traballo realizado de forma coordinada entre a Universidade de Vigo e o Sergas e cuxos resultados confirmaron de xeito contundente que as persoas hipertensas deben tomar a medicación antes de deitarse, acaba de ser recoñecido como unha das sete publicacións que acadaron un maior impacto a nivel internacional no ano 2019. O recoñecemento chega da man da Sociedade Americana de Medicina Interna, no nome da cal se reúnen cada ano un grupo de especialistas para seleccionar por unanimidade os sete estudos que poden ter un maior impacto á hora de cambiar a práctica clínica nesta disciplina.
“Na miña opinión este é un dos maiores recoñecementos para os anos de traballo de toda a rede Hygia”, explica o líder do proxecto, o catedrático Ramón Hermida, investigador de atlanTTic, centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ao tempo que insiste na idea de que este proxecto, “como agora se recoñece”, está tendo un grande impacto na práctica clínica e en todos os temas relacionados con saúde cardiovascular a nivel internacional.