15 solucións tecnolóxicas para problemas reais e próximos, 15 ideas pensadas para facilitarlle a vida a distintos colectivos. Hoxe venres a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolle a final dos LPRO Days, unha data na que cada ano o centro se converte nun auténtico escaparate tecnolóxico e saca peito ante as empresas do sector dos traballos realizados polo alumnado que está a piques de titularse. Este ano a situación provocada pola COVID-19 fixo que as cousas mudasen e que non puidese celebrarse como en edicións anteriores, pero nin sequera o confinamento evitou que as alumnas e alumnos sacasen o mellor de si, continuasen adiante cos seus traballos e os amosasen, neste caso virtualmente, ante os que en breve serán os seus empregadores.
Participaron 74 alumnas e alumnos repartidos en 15 equipos, titorizados por 18 docentes do centro, con Manuel Caeiro á fronte, profesor responsable da materia Laboratorio de Proxectos, na que se inscribe esta iniciativa. A finais de abril presentaron ante un tribunal académico, a través dunha das aulas do Campus Remoto, as súas propostas. Tamén se enviaron as súas memorias a dúas empresas que elixiron cinco finalistas. Hoxe venres volven reunirse e elixirán a proposta gañadora. “A maior parte das propostas que se presentaron tratan problemáticas reais e próximas”, explica Caeiro, facendo fincapé en que o amplo abano de temas tratados axuda a transmitir a idea de que as tecnoloxías de telecomunicación son moito máis “amplas e transversais” do que a priori pensan moitas persoas. “Os proxectos que se fixeron son unha mostra representativa desta diversidade, tratando dende problemas socio-sanitarios, pasando por axuda a persoas con discapacidades, solucións de monitorización para o campo, respostas a temas de mobilidade, etc.”, recalca o docente.