Aínda que con retraso por mor da pandemia, a Xunta de Galicia fixo pública esta semana a resolución de investigadores seleccionados no programa de atracción e retención de talento. Ao seu abeiro, a Universidade de Vigo poderá incorporar sete expertas e expertos distinguidos referentes en eidos científicos que a institución buscar potenciar.
A convocatoria, que se lanzou este ano por primeira vez con estas características, é para a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, unha iniciativa que se debería manter no futuro, “xa que sitúa o sistema de investigación galego entre un dos máis atractivos para desenvolver a carreira profesional dos investigadores novos”.
O programa oferta dez prazas na modalidade de atracción de talento e cinco para retención para as tres universidades, con contratos por un período de catro anos. A UVigo, con catro e tres investigadores seleccionados respectivamente, conseguiu unha taxa de éxito do 40% nunha modalidade e do 60% noutra, o que Belén Rubio valora “moi positivamente”. A vicerreitora explica que estes resultados son froito do “traballo levado a cabo na selección dos candidatos que presentou a UVigo” a esta convocatoria, xa que cada centro de investigación e agrupación estratéxica “tivo a responsabilidade de captar os mellores candidatos para os contratos de atracción e claramente o conseguiron”. Así, os novos investigadores “veñen a reforzar a estrutura de estes centros que xa son excelentes”. Mentres, os resultados na modalidade de retención, engade, “reflexan a aposta da UVigo pola excelencia tamén nos seus programas de retención, onde nos últimos anos deuse continuidade a aqueles investigadores e investigadoras de posdoutoramento cos mellores currículos”.