Un proxecto pioneiro en cooperación, no que van da man unha das empresas máis importante de Galicia, Stellantis Vigo, e catro centros de investigación de referencia: a Universidade de Vigo, o CTAG, Gradiant e Aimen. Estes cinco socios conforman o proxecto Facendo 4.0 (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital) que ten como obxectivo contribuír a incrementar a competitividade e reforzar o tecido empresarial do sector da automoción de Galicia.
Esta iniciativa forma parte da cuarta convocatoria de axudas do Programa da Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia e conta cun orzamento de 22,3 millóns de euros, dos cales 12,2 corresponden a unha axuda da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de Gain. A planta viguesa de Stellantis acolleu este mércores a presentación do proxecto, un acto que contou coa presenza, entre outros, de Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa xunto coa vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, ademais dos representantes de Gain, Patricia Argerey; Aimen, Jesús Lago; Gradiant, Fernando Jiménez e CTAG, Luis Moreno.
Novas solucións tecnolóxicas para a automoción do futuro
O proxecto ten como finalidade avanzar na investigación de novas solucións tecnolóxicas para a fábrica do futuro, o vehículo do futuro e a conectividade, que, segundo Bueno, “permitirán situar a Stellantis Vigo na vangarda das últimas tecnoloxías e da eficiencia enerxética”. No que se refire á fábrica do futuro, o obxectivo é camiñar cara unha Green Factory “xerando coñecemento sobre procesos produtivos, flexibles, coa mínima pegada de carbono e para a fabricación de vehículos eléctricos”. No que atinxe aos vehículos, os socios traballan en novos sistemas e interfaces conectadas e intelixentes que permitan o desenvolvemento de innovadores produtos e dispositivos para as futuras gamas de vehículos eléctricos. Finalmente, en materia de conectividade e infraestrutura, IT, están a investigar e avaliar as tecnoloxías asociadas ao internet das cousas e o cloud para mellorar prestacións como a dispoñibilidade, a seguridade, a automatización e a axilidade.
A Universidade de Vigo, como explicaba a vicerreitora de Investigación no acto deste mércores, conta con catro os grupos de investigación implicados, por unha banda no deseño da fábrica ecoamigable ou Green Factory e, por outra, no Smart Conectivity. Para Rubio que a UVigo tome parte nesta iniciativa “é moi importante” e agarda “que sexa o primeiro de moitos proxectos que poidamos facer con Stellantis”, sobre todo tendo en conta que a Universidade conta con dous centros que traballan en tecnoloxía de telecomunicación e en enerxía, industria e procesos industrias. Neste contexto, remarca, “ir da man paréceme o máis natural, agardamos que sexa o principio dunha relación moi frutífera”.
O proxecto ten un período de execución de 31 meses, botou a andar en xaneiro deste e está previsto que conclúa en abril de 2023. Nestes primeiros meses algunhas das liñas de traballo teñen avanzado substancialmente, como adianta Belén Rubio, “tanto as relacionadas coa Green Factory como coas redes”.
A UVigo, en catro liñas de traballo
A participación da Universidade de Vigo neste proxecto artéllase principalmente arredor do eixo da Fábrica Ecoamigable. Neste eido estanse a desenvolver tres liñas de traballo. Por unha banda, o Grupo de Tecnoloxía Enerxética de Cintecx, coordinado por Jacobo Porteiro, colabora con Stellantis achegando solucións innovadoras para “sistemas máis eficientes, con melloras que sexan máis respectuosos coa contorna natural, camiñando cara unha empresa verde”, como destaca Rubio. E é que para que unha fábrica acade o selo Green Factory deben cumprirse unha serie de indicadores relacionados coa emisión de compostos volátiles, emisións de CO2, consumo de auga, xeración de residuos, contribución á biodiversidade, etc. Así, o obxectivo deste paquete de traballo é analizar a situación actual da planta viguesa e avaliar solución técnicas, que pasan, por exemplo, polo aproveitamento de recursos enerxéticos renovables locais, a redución do consumo eléctrico, a inxección de hidróxeno en puntos de consumo de gas natural para favorecer a descarbonización ou a identificación de focos de disipación de calor para mellorar a eficiencia.
Outro dos grupos implicado en Facendo 4.0 é o de Biotecnoloxía e Calidade en Industrias Agroalimentarias e Medio Ambiente do campus de Ourense, que desenvolve un estudo de microbiota.
O grupo Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica, tamén do Cintecx, cuxo IP é o IP é Enrique Casarejos, traballa no eido do mantemento preditivo, co obxectivo de monitorizar o estado dos equipos mecánicos e analizar o consumo de potencia así como diminuír fluxos de datos, número e coste dos sensores e reducir a complexidade das análises funcionais e de decisión. Para isto, desenvolven ensaios eléctricos e mecánicos en equipos de referencia, identifican defectos mecánicos e desviacións de comportamento de consumo, así como un modelado virtual capaz de reproducir as medidas de consumo.
Finalmente, o Grupo de Tecnoloxías da Información, GTI, de atlanTTic, co profesor Felipe Gil á fronte, desenvolve estudos dentro do paquete de traballo relacionado coa conectividade, en concreto na automatización da xestión de recursos. O obxectivo é deseñar un sistema automatizado de asignación de recursos por slice de rede, crear múltiples redes virtuais sobre unha infraestrutura física compartida común e dividir as arquitecturas de rede tradicionais en elementos virtuais vinculados a través de software. A idea, explica a vicerreitora, “é unificar as comunicacións entre a rede privada da fábrica e a pública. En definitiva deseñar e desenvolver un sistema automatizado para asignar diferentes recursos para a asignación de recursos por slice de rede”, en colaboración con Stellantis e Gradiant.