Practicamente dende que botou a andar en novembro de 2019, a Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico viuse condicionada pola pandemia de covid-19. Foron dous anos duros, como recoñece a súa directora, a catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic Carmen García Mateo. Pero agora que a situación sanitaria o permite, apostaron por celebrar un evento presencial centrado nas oportunidades e modalidades de financiamento tecnolóxico. A xornada, que tivo lugar este venres no edificio Miralles organizada MN Program, Gradiant e atlanTTic, deseñouse como un espazo aberto á participación co obxectivo de dar a coñecer as diferentes alternativas para poñer en marcha startups tecnolóxicas e descubrir como atraer a atención de fondos, “family offices” e investidores privados e institucionais ao ecosistema de startups de Galicia.
Antes de comezar as dúas mesas redondas da xornada, procedeuse á entrega dos premios da Cátedra MN tanto do curso 2019-2020 aos mellores traballos fin de grao e proxectos LPRO, como aos do 2020-2021, “centrados en incentivar o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de interese para a empresa MN e para empresas do eido do márketing dixital que poidan ser semente de futuros emprendementos empresariais”, como explicaba García Mateo.
No acto de apertura do evento, a directora da cátedra recalcou que este é “o colofón a dous anos difíciles, que supuxeron un reto, pois tivemos que arrancar de 0 con imaxinación e ganas”. Agradeceu aos responsables da empresa MN o ter confiado na UVigo, desexando “que moitos outros empresarios sigan a súa senda” e a Gradiant, pola colaboración na organización deste evento. De feito, José Manuel Cánovas, de MN Program, anunciou a renovación desta colaboración coa Universidade de Vigo por un ano máis, recalcando que “na situación na que estamos derivada da covid-19 debemos seguir axudando a investigar”. Pola súa banda, o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez, recalcou os beneficios deste tipo cooperacións, poñendo como exemplo a Gradiant, que “se move entre dous mundos, o da investigación e a excelencia científica e o da competitividade empresarial”. Son dous eidos que tradicionalmente semellan “moi separados”, recalcaba, “cando na realidade o mundo da investigación e o do emprendemento deberíanse tocar máis, aproveitando do coñecemento para xerar proxectos de valor”. Pechou o acto a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que puxo en valor a importancia do emprendemento como saída profesional para as persoas egresadas, “unha aposta clara da UVigo”. Destacou que a institución académica, por unha banda, promove o desenvolvemento de competencias emprendedoras entre o alumnado e, por outra, fomenta a posta en marcha das súas ideas de negocio, a través de iniciativas como o programa Incuvi, que leva xa 10 anos en funcionamento.
Premios 2019-2020
Os premios do curso 2019-2020 convocáronse tanto para os TFG como para os proxectos LPRO. Na primeira modalidade, o premio foi para Pablo Pazos, estudante de Enxeñaría Informática, por SSEC: Sistema de Seguimento de Enfermidades Crónicas, un sistema informático que ten como obxectivo o seguimento das enfermidades crónicas por parte do paciente e do seu médico para poder ter información en calquera momento sobre a súa evolución e axudar á toma de decisións con maior eficacia e eficiencia. Así mesmo, o paciente conta cunha ferramenta onde pode consultar en todo momento, de maneira actualizada, información relativa ás súas citas médicas, tratamentos e medicación.
Ademais do primeiro premio, outorgáronse dous accésit a estudantes de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. O primeiro, para Raquel Román polo proxecto Detección de sincronización audiovisual utilizando Deep Learning, e o segundo accésit concedéuselle a Ismael Orge polo traballo Detección de peóns en plataformas de baixos recursos computacionais. Ademais da calidade técnica dos traballos, o xurado valorou especialmente o grao de utilidade e aplicabilidade das solucións desenvoltas nos TFG, así como o grao de implicación do alumnado no seu desempeño.
Tamén se entregou o premio ao Mellor Proxecto LPRO, que foi para BReAst: sujétate a la vida, desenvolvido polo alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Silvia Abal, Angela Abreu, Candela Janeiro, Maria Purriños e Antón Soares. Trátase dun dispositivo de axuda á detección precoz do cancro de mama, grazas á toma de medidas do peito e á análise destas e que reflicte as conclusións obtidas nunha web. A paciente dispón dunha aplicación móbil coa que pode interactuar co especialista, recibir consellos e acceder a información formativa relevante. O xurado dos premios valorou especialmente o coidado deseño do servizo tanto nos aspectos tecnolóxicos, como de ergonomía, privacidade da información das pacientes e a súa viabilidade.
Premios 2020-2021
Na edición 2020/2021 premiouse o desenvolvemento de dous proxectos tecnolóxicos que foron mentorizados por MN e por Gradiant. Un deles foi e-Muse: axente intelixente para marketing dixital, realizado por Edward L. Campbell Hernández e José M. Ramírez Sánchez, unha iniciativa que axuda ás empresas galegas a contactar con potenciais clientes interesados nos seus servizos e produtos grazas a un axente dixital que contacta cos eles baseándose na comprensión da linguaxe natural de última xeración.
O outro proxecto premiado, FaceClock: Aplicación móbil de verificación biométrica para control de horario laboral realizado por Andrés Felipe Arias Cárdenas, desenvolve un sistema de control, xestión e programación a través da verificación facial pensado para o seu uso en empresas e que garante a identidade da persoa, e obtén o cómputo das horas totais, de forma semanal e a súa descarga nun ficheiro csv.
O presente e o futuro do financiamento de startups tecnolóxicas
A xornada completouse con dúas mesas redondas con grandes expertos e promotores do campo do financiamento de startups. A primeira delas ofreceu un panorama actual sobre o ecosistema do financiamento das startups, contou coa participación de Telmo Pérez Luaces, de Acciona; Nicolás Maraver, de Queka Real Partners; Yago Montenegro, de Alma Mundi; José H. Cánovas, de MN e Mikel Diaz De Otazu, de Alice Biometrics. Na segunda, centrada no futuro, “uns cinco anos vista tendo en conta os tan anunciados fondos Next Generation”, participaron Andrés Ubierna, de CDTI; Patricia Fernández Liz, de GAIN; Samuel Méndez, de Vigo Activo; Mariela Méndez, de Enisa; Inmaculada Rodríguez Cuervo, de Unirisco Galicia e Jaime Novoa, de K FUND.