Preto dun cento de persoas participaron este venres pola tarde nunha nova xornada de portas abertas do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, unha actividade organizada dentro do programa Divulgando Ciencia Singular. Foi organizada nesta ocasión baixo o lema Conecta con atlanTTic, tres palabras coas que resumir o gran propósito desta actividade: conectar a cidadanía coa tecnoloxía.
As persoas que se animaron a participar e se achegaron ata a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación puideron descubrir, a través de presentacións e demostracións prácticas a cargo dos propios investigadores e investigadoras, as principais liñas de traballo que se desenvolven no centro: comunicacións 5G, aplicacións accesibles, saúde e educación dixital, patrimonio 4.0, firma radar e infravermella, comunicacións ópticas, nanosatélites, observación da Terra ou intelixencia artificial en comunicación. Así mesmo tiveron a oportunidade de coñecer en directo como funciona a impresión 3D e probar as posibilidades que ofrece o taboleiro de cristal luminoso ou lightboard.
Realizáronse ademais tres visitas guiadas, en grupos reducidos, durante as cales o persoal investigador tivo a oportunidade de amosarlles a cámara anecoica do laboratorio de medidas radioeléctricas, as cámaras do laboratorio de acústica e o laboratorio de seguimento de satélites, á vez que se presentaron os principais proxectos que se están a desenvolver grazas a estas instalacións.
Éxito da xornada
Desde a organización valoran moi positivamente a acollida desta proposta de divulgación científica e a volta ao formato presencial do evento, tras un ano no que tivo que celebrarse de xeito virtual. Entre as visitas atopábase alumnado de STEMBach do IES Valadares, grupos de familias e outras persoas, maiores e pequenas, interesadas en ver o que se fai no centro. Moitas delas facíano por primeira vez e outras, que xa acudiran en anos anteriores, quixeron repetir a experiencia.
Esta actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciado con fondos FEDER, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.