Os líderes da misión espacial BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit), de UVigo Spacelab, expuxeron onte o traballo realizado ata a data ao abeiro do proxecto nunha xuntanza celebrada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O obxectivo da cita era o de garantir que BIXO cumpre con todos os requisitos aplicables ao desenvolvemento de proxectos espaciais europeos para, así, poder iniciar a creación de modelos para o seu testeo e a súa fabricación final.
O director do centro de investigación atlanTTic, Martín Llamas, xunto coa directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, deron a benvida ás e aos asistentes. Ademais, os tres, manifestaron o seu “orgullo” por unha iniciativa na que os e as estudantes son os auténticos protagonistas e que segue a estela, como lembrou Díaz, dunha traxectoria aeroespacial que se iniciou no ano 2007 da man do docente Fernando Aguado, investigador de atlanTTic implicado no seguimento do proxecto e un dos asistentes.
Na revisión do proxecto –Preliminary Requirements Review, PRR- participaron empresas de distintos sectores, entre elas tres das firmas que patrocinan a misión: DHV Technology, UARX Space e a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space. Desde o ámbito universitario participaron responsables de distintos grupos de investigación, tanto do noso Centro como do Cinbio, xa que, na misión BIXO, o ámbito biotecnolóxico ten un importante peso, non en van o principal obxectivo é analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.