O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic súmase dende esta semana á lista de centros da Universidade de Vigo que contan co Distintivo de Igualdade. O Centro conseguiu esta distinción na terceira edición desta convocatoria, que ten como obxectivo recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido. Coas incorporacións desta edición, a Universidade de Vigo conta xa cun total de dez centros con Distintivo de Igualdade.
A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, explica que “a comisión avaliadora, formada por expertas externas, quedou impresionada polas fortalezas das candidaturas e tamén polo propio mecanismo do Distintivo de Igualdade” e anima a máis escolas, facultades e centros de investigación a que concorran nas próximas convocatorias “porque todos teñen fortalezas que demostran o seu compromiso coa igualdade entre homes e mulleres”.
O Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de seis anos e os tres centros seleccionados recibirán, nun acto que se celebrará nos vindeiros meses, un vinilo para situar nun lugar visible do edificio e unha achega de 3000 euros para investilos en novas actividades e políticas de xénero.
atlanTTic supera os 80 puntos esixidos para a obtención do selo
O Distintivo de Igualdade outórgase a todos os centros que acaden un mínimo de 80 puntos atendendo a criterios como a inclusión da perspectiva de xénero nos plans de estudo das titulacións e as liñas de investigación e de transferencia que incorporen a perspectiva de xénero; o número de persoas expertas e/ou implicadas na promoción da igualdade de xénero que forman parte da facultade, escola ou centro propio da UVigo; a organización de actividades que contribúan á sensibilización; o grao de composición paritaria dos órganos de goberno; o uso de linguaxe inclusiva e non sexista nos documentos e na comunicación interna; os programas e políticas de captación de novo alumnado con perspectiva de xénero; as medidas para facilitar a conciliación e promover a corresponsabilidade ou calquera outra actividade ou acción innovadoras desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente aquelas realizadas en coordinación co alumnado e/ou novo persoal investigador do centro. Nesta terceira convocatoria, atlanTTic obtivo un total de 86 puntos, outorgados grazas a realización de actividades, seminarios e outras iniciativas en materia de igualdade
Comisión de avaliación con expertas externas
A comisión avaliadora, ademais do reitor, Manuel Reigosa, e da directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, estivo formada por catro expertas en igualdade e inclusión da perspectiva de xénero nos diferentes eidos do coñecemento. Por exemplo, Elisabet Mas de les Valls, docente da Politécnica de Catalunya, traballou na elaboración da guía para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero no ámbito da Enxeñaría Industrial, mentres que Concepción Torres, da Universidade de Alacante, é autora desta guía para o eido do Dereito e M. Lluïsa Faxedas, da Universidade de Girona, responsable da guía no eido da Historia da Arte. Completa o comité avaliador Mar Sobral, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e experta en ecoloxía e implica en tamén no eido da igualdade.