O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, acaba de renovar a súa pertenza á Rede CIGUS, a superestrutura promovida pola Xunta de Galicia e orientada ao fortalecemento da investigación de excelencia. O centro atlanTTic continuará sendo centro Cigus ata 2027 e recibirá 1.818.666,67 € de financiamento.
Tamén continuarán como membros da Rede CIGUS o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, e Centro de Investigación Mariña, CIM. Ademais, Ecobas, Economics and Business Administration for Society, e Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, entran a formar parte desta rede nunha nova categoría, a de centros aspirantes. Deste xeito, os cinco centros da UVigo acadan para este período un financiamento global de máis de 6,1 millóns de euros.
Así o acordou este luns o Consello da Xunta, que tamén aprobou incrementar un 31% o investimento nesta rede así como incorporar dous novos centros á máxima categoría, o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela. Deste xeito, a rede Cigus queda integrada por 10 centros das tres universidades que contan co selo que avala a calidade e impacto das súa investigación e que busca proxectar estes centros como referentes no ámbito científico e fortalecer o sistema de investigación universitario galego para atraer e reter o mellor talento investigador e ganar competitividade no ámbito estatal e europeo. A estes súmanse os tres centros que integran a nova categoría, o centro interuniversitario Ecobas e o Cintecx da UVigo, xunto co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (Citeec) da Universidade da Coruña.
23,6M€ para o financiamento de 13 centros de investigación
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai destinar case 23,6M€ para o financiamento destes 13 centros de investigación, o que lles vai permitir gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027. Para optar a esta acreditación, os centros debían cumprir diversos requisitos como ter financiamento na convocatoria previa do ano 2019 e superar o procedemento de avaliación final; obter unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e outros referidos a súa gobernanza, estrutura, financiamento, calidade científica e transferencia de resultados establecidos na convocatoria.
A acreditación da excelencia dos centros realizouse a partir das valoracións feitas por un comité externo en base a tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).
Reigosa: “A busca da excelencia é algo que forma parte desta institución”
Nun acto celebrado esta mañá no campus de Vigo, o reitor, Manuel Reigosa, valorou a nova da renovación dos tres centros de investigación da UVigo que xa forman da rede e admitiu sentir “unha gran ledicia” por esta nova. “A busca da excelencia é algo que forma parte desta institución desde que se creou, e seguir apostando por esta excelencia supón seguir dando pasos na dirección correcta”, subliñou o reitor, quen admitiu que en ciencia e tecnoloxía as cousas necesitan certo tempo para frutificar, “pero estou seguro que estamos indo na liña correcta e a renovación dos selos de excelencia así o demostra”. Reigosa recalcou que para a Universidade de Vigo como institución “é un orgullo que tres dos oito centros que ata agora tiñan financiamento como centro Cigus sexan nosos” e amosouse moi satisfeito porque “outras iniciativas empecen tamén a dar os seus pasos para acadar este selo”, se ben “o primeiro é manter o que temos, que xa é moi bo”.
Fonte: DUVI.