Liderado por Stellantis e con participación da Universidade de Vigo, dos centros tecnolóxicos CTAG, Aimen, EnergyLab e Gradiant, xunto con varias empresas, este martes presentouse en Vigo Facendo Plus, un proxecto colaborativo de investigación e desenvolvemento experimental, que contará cun investimento total de 19,5 millóns de euros dirixidos a impulsar a competitividade industrial de Galicia no sector do automóbil.
Organizado en torno a catro liñas de traballo: fábrica do futuro, vehículo do futuro, conectividade e sostenibilidade, Facendo Plus dá continuidade aos proxectos Factoría 4.0 e Facendo 4.0, nos que tamén participou activamente a institución académica viguesa e que desde 2016 materializaron un investimento próximo aos 170 millóns de euros, financiamento que se traduciu, entre outros froitos, no rexistro de preto de medio cento de patentes.
A presentación do proxecto tivo lugar na factoría viguesa do consorcio automovilístico, onde se reuniron un destacado número de responsables das diferentes institucións e empresas implicadas, entre eles, o novo director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana; o director xeral do CTAG, Luis Moreno, e o xefe técnico do proxecto, Juan José Areal.
“Unha boa mostra de audacia e de como avanzamos xuntos”
“Facendo Plus e os anteriores proxectos son unha boa mostra de audacia e de como avanzamos xuntos todo o sector”, salientou o novo director de Stellantis Vigo, ao tempo que mandou “unha mensaxe de motivación e de ánimo para conseguir entre todos os mellores resultados”. Ao seu carón, a conselleira de Industria, Mª Jesús Lorenzana, destacou a importancia da industria auxiliar do sector automobilístico, insistindo na necesidade de evitar unha deslocalización de pedidos.
Pese a recoñecer que se trata dun momento “complicado” para a industria automobilística Lorenzana destacou que “hai moitas oportunidades” si, entre todos, se fan as cousas ben.
Catro liñas prioritarias de actuación
Tal e como se explicou na presentación, Facendo Plus (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital Plus) ten como principal obxectivo avanzar na competitividade industrial, xerar innovación tecnolóxica e impulsar a cadea de valor no sector de automoción de Galicia, involucrando a centros de coñecemento, Universidade de Vigo e as pemes Unimate, SFC Solutions, Probotec e Merasys.
No ámbito da Fábrica do Futuro preténdese xerar novo coñecemento sobre procesos produtivos, flexibles, coa mínima pegada de carbono, para a fabricación de vehículos eléctricos. En relación co Vehículo do Futuro estudaranse novos sistemas e interfaces conectadas e intelixentes que permitan o desenvolvemento de innovadores produtos e dispositivos para as futuras gamas de vehículos eléctricos e conectados.
En materia de Conectividade e Infraestrutura IT investigaranse e avaliaranse as tecnoloxías asociadas á conectividade, o IoT e o cloud para mellorar as prestacións (dispoñibilidade, seguridade, automatización, axilidade) e a competitividade da infraestrutura IT que dá servizo aos procesos e produtos. No que respecta á Sustentabilidade incorpórase este aspecto como un ámbito de progreso e, nesta liña, tratarán de incentivarse iniciativas que promovan a economía circular e a redución da pegada de carbono, priorizando o uso de enerxías renovables.
Ata setembro de 2026
O período de execución deste programa, desde a publicación da convocatoria de axudas realizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en xullo de 2023, prolongarase durante máis de tres anos, finalizando en setembro de 2026. Os socios de Facendo Plus realizarán un investimento de 19,5 millóns de euros, cunha axuda pública de case 10 millóns de euros da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.
Fonte: DUVI.