Universidade de Vigo

atlanTTic convoca a segunda edición do seu premio á mellor tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, convoca a segunda edición do seu Premio á Mellor Tese Doutoral, un galardón que ten como finalidade recoñecer o labor realizado por aquelas persoas investigadoras cuxa tese doutoral represente un avance significativo no eido das tecnoloxías de telecomunicación. A distinción recoñece aquelas achegas que, baseadas na innovación, a creatividade, a orixinalidade e o rigor científico no campo das tecnoloxías das telecomunicacións, presentan unha alta capacidade de avance no coñecemento producido nestas disciplinas. Ademais disto, tamén servirá de estímulo complementario as persoas investigadoras que traballan neste campo.

Para presentarse a este certame é preciso estar posesión dun título de doutoramento, de calquera nacionalidade, que defendesen a súa tese doutoral no eido das tecnoloxías de telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) en calquera universidade española e que a tese fose defendida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023. Para optar ao premio, o traballo debe ter acadado a máxima cualificación, é dicir, excelente cum laude, así como ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou, no seu defecto, dispor dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese doutoral no eido das tecnoloxías de telecomunicación.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 deste mes de setembro e as persoas solicitantes deberán cubrir o formulario en liña no seguinte enlace (enlace formulario), descargalo e presentalo na sede electrónica da Universidade de Vigo a través da instancia xenérica (SXER) existente na sede, e poñer como asunto ‘premio atlanTTic-Tese Doutoral’, achegando unicamente o formulario coa solicitude.

A contía máxima do premio é de 2500 euros.

Valoración dos traballos

A selección das teses presentadas será efectuada pola comisión de avaliación de acordo aos cinco méritos máis significativos valorándoos, no seu conxunto, cun máximo de 100 puntos. Estes méritos estarán relacionados coas publicacións de impacto en revistas JCR de gran relevancia en tecnoloxías de telecomunicación, indicando claramente a súa participación, a súa relación coa tese e os indicios de calidade; as publicacións de impacto en congresos internacionais de gran relevancia no eido das tecnoloxías de telecomunicación, indicando claramente a súa participación, a súa relación coa tese e os indicios de calidade; os resultados de transferencia, patentes, aplicacións comerciais no eido das tecnoloxías de telecomunicación, indicando claramente a súa participación e a súa relación coa tese; e finalmente, os premios recibidos, proxectos xerados a partir da tese e outros méritos (estadías no estranxeiro, financiamento recibido, etc..).

Fonte: DUVI.