Persoal investigador do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa esta semana no Congreso Internacional de Astronáutica (IAC2024) en Milán e no Simposio de Drones en Pisa. Estes eventos internacionais, claves para o futuro do sector aeroespacial, serven de plataforma para presentar os avances máis innovadores levados a cabo na UVigo e tamén para consolidar relacións estratéxicas e reforzar o seu liderado no desenvolvemento de novas tecnoloxías espaciais.
O IAC2024, organizado pola Federación Internacional de Astronáutica (IAF), reúne os actores con maior influencia no sector do espazo, desde grandes axencias como a NASA e a ESA, ata empresas e universidades de todo o mundo. Investigadores de atlanTTic e algúns membros da asociación de estudantes UVigo SpaceLab, amosaron neste encontro algúns dos proxectos que están a desenvolver en ámbitos como a exploración lunar, a mellora das comunicacións ópticas e o uso de drones, marcando deste xeito o camiño cara o futuro da investigación en tecnoloxías aeroespaciais.
Proxectos de investigación de vangarda
Un dos proxectos presentados foi A4UC, do que o investigador e profesor Fernando Aguado, líder do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic, amosou os avances na investigación sobre a propagación de sinais en covas lunares e o desenvolvemento dunha antena para comunicacións dentro destas cavidades. Este traballo, realizado en colaboración coa Universidad de Oviedo e a empresa EOSOL, non só aborda un reto técnico fundamental para as futuras misións de exploración lunar, senón que tamén abre a porta a novas formas de comunicación en ambientes extremos, algo esencial para a exploración planetaria.
Este enfoque na exploración lunar ampliouse coa presentación de AMPERS, a cargo do investigador Fermín Navarro, un proxecto que aborda o desafío enerxético das misións lunares. Coa integración dun xerador termoeléctrico de radioisótopos (RTG) e paneis solares nun rover lunar, a UVigo, xunto ás universidades de Oviedo e Leicester, busca garantir a viabilidade enerxética de misións de larga duración na superficie lunar, un avance que sitúa á UVigo á vangarda das solucións tecnolóxicas sostibles para o espazo.
Pola súa banda, Alejandro Camanzo Mariño presentou os últimos avances en comunicacións ópticas vía satélite-terra, tecnoloxías que melloran a precisión do apuntamento entre satélites e estacións terrestres e optimizan as transmisións de datos, esenciais para as misión do futuro.
A investigadora Uxía García Luis centrouse no proxecto educativo INOU, que ten como obxectivo construír unha estación de seguimento de satélites UHF no campus de Ourense, reforzando as capacidades tecnolóxicas da UVigo e converténdoa nun nodo clave para o seguimento satelital. Este avance estratéxico pretende ampliar as capacidades operativas do grupo e consolidar as do campus de Ourense como un punto de referencia na exploración espacial.
Futuras redes de colaboración
Ademais da presentación destes proxectos, a delegación da Universidade de Vigo aproveitou o IAC2024 para fortalecer relacións no sector, avanzando en estratexias coa Axencia Espacial Española e outras empresas, fundamentais para o desenvolvemento de futuras liñas de traballo. O investigador Alejandro Gómez presentou avances en estudios termoelásticos, unha tecnoloxía crítica para o desenvolvemento de estruturas espaciais e destacou a importancia da colaboración público-privada neste ámbito e futuros proxectos en conxunto co IAC (Instituto de Astrofísica de Canarias).
Pola súa banda, Carlos Ulloa e Fermín Navarro representaron a atlanTTic no Simposio Internacional de Drons en Pisa, onde participaron na presentación do libro Applying drones to current societal and industrial challenges, en colaboración co profesor Diego Carou, editor principal da publicación. Este simposio foi unha oportunidade para debate sobre o impacto dos drones e as novas tecnoloxías emerxentes, áreas nas que UVigo está posicionada para ser protagonista nos próximos anos.
O equipo de Uvigo SpaceLab, formado por Guillermo Calvo, Alfredo Ivorra e Pablo Fernández, tamén participou coa presentación do proxecto BIXO, que estuda o crecemento bacteriano no espazo, unha misión innovadora que ten o potencial de achegar coñecemento sobre a vida en condicións extremas.
Fonte: DUVI.