
O Centro de Investigación atlanTTic e os outros dous centros de investigación da UVigo integrados na Rede CIGUS, CIM e CINBIO, recibiron este mediodía o recoñecemento da Xunta de Galicia nun acto presidido polo titular do goberno galego, Alfonso Rueda, en Santiago de Compostela. Os centros da UVigo, xunto a outros cinco da USC e dous da UDC, conforman unha superestrutura, promovida pola Xunta, na que desenvolven a súa actividade 1600 investigadores e investigadoras. Rueda, que destacou a importancia da Rede CIGUS como referente da excelencia científica en Galicia, agradeceu a súa contribución a construír “unha Galicia potente e de calidade” que é “punteira” e referente no I+D+i.
A rede, á que a Xunta destinou preto de 68 millóns de euros, logrou captar máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos nos últimos catro anos. De feito, na convocatoria actual, na que oito centros renovan a súa acreditación e dous se incorporan, increméntase un 31% a achega do executivo autonómico. “Un país sen ciencia é un país sen futuro”, destacou Rueda que sinalou á Rede CIGUS como un modelo único en España, cofinanciado no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027 e que representa o mellor da ciencia feita en Galicia, baseada na excelencia, na colaboración e no impacto real sobre a sociedade e a economía.
Os directores dos tres centros da Rede CIGUS da UVigo: Martín Llamas de atlanTTic, Miguel Ángel Correa do CINBIO e Daniel Rey do CIM, foron os encargados de recoller os recoñecementos, nun acto no que a Universidade de Vigo estivo representada polo seu reitor, Manuel Reigosa.
Compromiso coa investigación galega
No acto celebrado no Museo Centro Gaiás, no que tamén se procedeu á entrega de placas ao centros colaborativos da UVigo Cintecx e ao interuniversitario Ecobas, Rueda reafirmou o compromiso da Xunta coa transferencia de coñecemento e co impacto da ciencia na economía e no emprego, facendo fincapé na importancia de conectar os centros de investigación co tecido produtivo. “Este é un traballo de todos”, indicou para asegurar que o obxectivo do Goberno autonómico é “reter o talento que hai en Galicia e promover que a comunidade sexa un lugar atractivo para que investigadores de primeiro nivel mundial” poidan realizar o seu traballo.
Ademais, destacou a aprobación a semana pasada no Consello da Xunta do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, que conta cun orzamento total de 1310 millóns de euros e que inclúe a creación dunha fundación específica para atracción de talento internacional. Súmase este Plan a outras iniciativas como Oportunius ou o programa de apoio á carreira científica, que nestes momentos ten abertas catro convocatorias de axuda dotadas con 61 millóns entre contratos predoutorais, posdoutorais e os grupos de investigación máis competitivos.
Centros acreditados pola súa calidade
Os centros de investigación que forman parte da Rede CIGUS son cinco pola Universidade de Santiago de Compostela: Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); tres pola Universidade de Vigo: o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña(CIM); e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Fonte: DUVI.