Universidade de Vigo

O Grupo Oesía e atlanTTic exploran novas liñas de colaboración no ámbito das telecomunicacións

A Universidade de Vigo e o Grupo Oesía mantiveron esta semana un encontro no campus no que tiveron a oportunidade de estudar novas liñas de colaboración co persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do centro de investigación atlanTTic. Durante a xornada presentáronse as diversas áreas de interese común, co obxectivo de explorar novas oportunidades de colaboración e continuar impulsando a investigación, a innovación e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas.

Actualmente ambas entidades manteñen unha estreita colaboración a través da Cátedra Oesía, posta en marcha en setembro de 2024 e que ten como obxectivo fomentar actividades de formación e investigación en ámbitos relacionados coas tecnoloxías da información e a enxeñaría electrónica, con especial atención a sectores estratéxicos como o aeroespacial, a seguridade e a defensa. 

Nesta xuntanza, dirixida a analizar novas vías de colaboración, participaron representantes das dúas entidades, entre eles, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo; os profesores Ana Vázquez e Óscar Rubiños, directores da Cátedra Oesía e investigadores de atlanTTic; Luis Álvarez Sabucedo, subdirector de atlanTTic; Patricia Argerey, directora de Tecnoloxía do Grupo Oesía; María Graña, directora de Innovación e Tecnoloxía de Inster; Pascual García, director xeral da Fundación Oesía; Miguel Ángel Piqueras, director de Tecnoloxía de Fotónica e Espazo de Tecnobit, e Santiago Simón, xefe de área de Fotónica da Dirección de Espazo e Tecnoloxías Fotónicas de Tecnobit. 

Charlas e visitas aos laboratorios de investigación

Nesta visita ao campus de Vigo os representantes do Grupo Oesía tamén tiveron ocasión de visitar algúns dos laboratorios de atlanTTic, como o Laboratorio de Medidas Radioeléctricas, o Laboratorio de fotónica, QOPHI (Quantum, Communication, Photonics & Integration) e o Vigo Quantum Communication Center, onde puideron coñecer de primeira man os equipamentos do centro. Así mesmo, mantiveron conversas con algúns investigadores e investigadoras para afondar nos proxectos nos que están inmersos. 

Ademais, organizouse unha charla dirixida a estudantes, no marco do programa Intégrate da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a cargo de Miguel Ángel Piqueras. Na súa intervención, Piqueras expuxo as principais aplicacións e vantaxes das tecnoloxías fotónica e cuántica nos satélites de comunicacións, destacando o seu impacto en áreas clave como as comunicacións ópticas entre satélites ou o procesado de sinal.

Estes encontros reforzan, segundo indicaron os participantes na reunión,  o compromiso compartido entre a UVigo e Oesía por seguir avanzando na investigación e na innovación en tecnoloxías de telecomunicación.

Fonte: DUVI.