5G solidario co que lograr un Camiño de Santiago moito máis accesible

Chámase Santi e será os ollos e as pernas de Elisa, unha persoa con mobilidade reducida que, grazas a este robot, terá a posibilidade de completar o Camiño de Santiago ‘tele-camiñando’, gozando do que el vexa ao seu paso por terras galegas e sendo unha peregrina máis. O Grupo de Tecnoloxías da Información do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo é unha das entidades colaboradoras nunha iniciativa solidaria posta en marcha pola empresa Cisco na que máis de 400 empregadas e empregados da firma, procedentes de 21 países, completarán o último tramo do camiño recadando fondos para a Asociación Española contra o Cancro, AECC, e outras entidades e dixitalizando rutas para que sexan máis accesibles e sostibles.

“Santi é a nosa achega a este proxecto solidario. É un robot que se pode controlar sobre 5G, de forma que unha persoa con problemas de mobilidade ‘camiñe remotamente’ cos seus compañeiros e compañeiras”, explica Felipe Gil, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador do grupo GTI. Grazas a Santi, Elisa vai ter a oportunidade de entrar na praza do Obradoiro ‘tele-camiñando’ cos seus compañeiros de Cisco. “Ely non se pode desprazar desde Italia a facer o camiño, polo que se conectará a través da plataforma Webex de Cisco e desde ela verá o que ve o robot e poderao controlar, todo a través dunha conexión 5G ofrecida por Telefónica”, explica Gil.

Demostración en directo o 10 de xuño desde a praza do Obradoiro

Os empregados de Cisco España e outros 20 países máis camiñarán desde diversos puntos de saída ata Santiago de Compostela, completando as últimas etapas do camiño francés ou portugués do 6 ao 10 de xuño, cando terá lugar unha demostración en directo do funcionamento do sistema desde a praza do Obradoiro. A innovación tecnolóxica chegará nesta última etapa da man de Santi. Cando os camiñantes cheguen a Santiago, o venres 10, farano acompañados por este robot, modelo Go1 da empresa Unitree, equipado con cámaras de visión 360 e que está conectado á rede 5G de Telefónica, dotada cun grande ancho de banda de subida e un tempo de resposta inmediato, capacidades esenciais para habilitar o telecontrol baseado na tecnoloxía de Cisco, a Universidade de Vigo e Makenai.

Contribución viguesa ao proxecto

Desde o Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic encargáronse da parte técnica de integrar un robot cuadrúpede –bautizado como Santi porque el será os ollos e as pernas para camiñar ata Santiago- co sistema de videoconferencia de Cisco. “O obxectivo era conseguir que a persoa que non pode completar o camiño porque ten problemas de mobilidade poida ver o que ve o robot e controlalo remotamente e, para logralo, empregamos o sistema Webex, ao que lle engadimos unha especie de mando, realizado pola empresa Makenai, que permite controlar o robot”, explica Gil, ao que engade que tamén tiveron que desenvolver un software específico que permite tanto o envío de vídeo como o control remoto, “así como facer a integración de Webex”.

Exemplo de “utilidade inmediata” do traballo en laboratorio

Esta non é a primeira vez que o grupo GTI participa nunha iniciativa de corte social relacionada co Camiño de Santiago, fixérano xa con  PictoXacobeo, unha aplicación para Android deseñada especificamente para facilitar a interacción dos peregrinos con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc.), pero é a primeira vez que se unen a esta iniciativa de Cisco, na que estes 400 camiñantes aproveitarán os seus pasos e pedaladas para dixitalizar rutas e facelas máis accesibles ao tempo que se recadan fondos contra o cancro.

“As diferentes iniciativas solidarias nas que colaboramos son unha forma de conseguir que o traballo que realizamos no laboratorio teña unha utilidade inmediata”, apunta Felipe Gil, quen se refire a este caso concreto como “un pequeno gran de area nunha iniciativa que, por un lado, busca mellorar a accesibilidade do Camiño, e polo outro, a concienciación e a recadación de fondos contra o cancro”.