Universidade de Vigo

Vigo acolle o 11º Workshop Español sobre Procesamento de Sinal, Teoría da Información e Comunicacións (SIC’25)

Vigo é a sede este martes 1 de xullo e mañá mércores 2 de xullo do 11th Spain Workshop on Signal Processing, Information Theory and Communications (SIC’25)’, un encontro de referencia a nivel estatal no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación. O SIC’25 céntrase nos avances en procesamento de sinal, algoritmos de aprendizaxe, teoría da información e das comunicacións, así como nas súas aplicacións prácticas en contornas reais e conta cun amplo programa técnico que inclúe relatorios, seminarios especializados e unha sesión de pósteres orientada a investigadores e investigadoras en formación, tanto a nivel de doutoramento como posdoutoral. Precisamente, as persoas participantes son animadas a contribuír activamente a esta sesión de pósteres, que serve como escaparate das investigacións emerxentes máis relevantes no campo.

workshop tamén inclúe sesións paralelas de networking vinculadas ás actividades da Rede de excelencia Comonsens, que financia o encontro, e que se celebrarán ao longo de toda a semana na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, permitindo afondar na colaboración entre grupos de investigación e facilitar a transferencia de coñecemento. Esta edición, organizada polo Centro de Investigación atlanTTic e subvencionada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e pola Axencia Estatal de Investigación, conta co apoio do programa de actividades de I+D IDEA-CM da Comunidade de Madrid, a través da Dirección Xeral de Investigación e Innovación Tecnolóxica.

Un programa científico de alto nivel

O investigador do Grupo de Procesado do Sinal en Comunicacións do centro atlanTTic da UVigo Roberto López Valcarce, que integra xunto a Joaquín Míguez Arenas e Matilde Sánchez Fernández, ambos da Universidade Carlos III de Madrid, e Sara Pérez Vieites da University of Aalto, o comité organizador do SIC’25, destaca a importancia deste tipo de eventos cara a fomentar a colaboración entre grupos de investigación e establecer novas relacións entre investigadores, sobre todo aqueles en período de formación. “É un orgullo ademais acoller a figuras de renome internacional nas súas áreas como o son os diferentes relatores, algúns dos cales ademais desenvolveron as súas etapas iniciais en atlanTTic antes de establecerse en centros internacionais de primeira liña”.

O programa do workshop inclúe conferencias plenarias a cargo de destacadas figuras internacionais como Robert Heath (University of California, San Diego), que abordará a arquitectura MIMO híbrida para redes 6G; Jana de Wiljes (Ilmenau University of Technology, Alemaña), que falará sobre a estabilidade a longo prazo de filtros gaussianos; Daniel Romero (University of Agder, Noruega), cun relatorio sobre o uso de redes transformer para a estimación de campos espaciais. Na xornada do mércores Gonzalo Mateos (University of Rochester) ofrecerá un seminario sobre técnicas de incrustación espectral en grafos. Incluirá tamén una charla a cargo de Nuria González-Prelcic (University of California, San Diego), centrado na integración de capacidades de sensado e comunicación nas futuras redes sen fíos.

Rede estatal de referencia en comunicacións e procesado de sinal

workshop SIC’25 insírese nas actividades da Rede de Excelencia Comonsens, unha iniciativa de colaboración científica que reúne 15 universidades españolas co obxectivo de avanzar no coñecemento e desenvolvemento de técnicas innovadoras en procesamento de sinal, teoría da información e aprendizaxe automática (Machine Learning). A rede céntrase en ámbitos estratéxicos como as redes 6G, a Internet das Cousas (IoT), as tecnoloxías cuánticas, os sistemas de comunicación e sensado integrados e os bancos de probas sen fíos (testbeds).

Coordinada pola Universidad Carlos III de Madrid, a Rede conta coa participación de institucións como as universidades de Vigo, A Coruña, Granada, Politécnica de Valencia, Autónoma de Barcelona ou Navarra, entre outras. Durante os dous anos de duración previstos, a rede fomenta a cooperación interdisciplinar en tecnoloxías da información e comunicacións, cun forte enfoque na investigación aplicada e no traballo colaborativo.