Universidade de Vigo

Amplíase ata o 6 de xullo o prazo dos Galileo Masters para coñecer as mellores ideas en navegación por satélite

O concurso internacional de innovación Galileo Masters amplía ata o 6 deste mes de xullo o prazo de presentación de proxectos de desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. Esta iniciativa busca anualmente os mellores servizos, produtos e innovacións que utilicen a navegación por satélite na vida cotiá e, entre os gañadores, repartiranse máis de 1 millón de euros en premios e algúns deles están orientados a favorecer o desenvolvemento dunha idea en fase inicial e chegar convertela nunha realidade empresarial. Ademais, os premios inclúen acceso a incubadoras de empresas, formación para emprendedores, consultoría de patentes, apoio á realización de estudios de mercado, apoio técnico, apoio á comercialización e acceso a expertos e financiación pública, entre outros.

En Galicia, o socio principal da competición é o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo e atlanTTic. O premio para a idea gañadora rexional de Galicia é un ano de incubación nun dos parques empresariais da Zona Franca, que inclúe a asistencia no desenvolvemento de produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, coaching de negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica. En outubro terá lugar a reunión internacional de avaliación das propostas recibidas e a cerimonia internacional de entrega de premios celebrarase no mes de decembro.

Seguir lendo no DUVI