atlanTTic celebra o Día Internacional das Nenas nas TIC cun certame de fotografía e vídeo

Segundo o Foro Económico Mundial, tan só o 6% dos CEO da industria tecnolóxica son mulleres e nos consellos directivos das empresas de todo o mundo as mulleres representan tan só un 19% dos cargos. Denunciar e loitar contra esta fenda de xénero no mundo tecnolóxico son os obxectivos do Día Internacional das Nenas nas TIC, unha data que se conmemora dende hai xusto 10 anos cada cuarto xoves do mes de abril. O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, súmase a esta conmemoración cun certame de fotografía e vídeo curto para reivindicar o rol das nenas e das mulleres no mundo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

Con este concurso o centro de investigación únese á multitude de actividades que se organizan baixo a iniciativa internacional #GirlsinICT, orientada a espertar o interese das nenas por ámbitos relacionados coas TIC e que este ano celebra xa o seu décimo aniversario.

Desde atlanTTic convidan á cidadanía en xeral a participar neste certame para conseguir amosar coas súas creacións artísticas a presenza feminina no ámbito científico, na enxeñaría e nas TIC. O obxectivo é fomentar e alentar as vocacións das nenas cara disciplinas STEM e contribuír deste xeito á eliminación da fenda de xénero neste sector. E é que os datos amosan que aínda quedo moito por facer neste eido, xa que na Unión Europea de cada 1000 mulleres con titulación universitaria, só 29 se gradúan en algunha carreira relacionada coas TIC e, delas, só 4 terminan nun posto de traballo relacionados coas novas tecnoloxías de información e comunicación.

Seguir lendo no DUVI