Universidade de Vigo

atlanTTic consegue nove proxectos de investigación na última convocatoria do Plan Estatal

Preto de 4,5 millóns de euros para pór en marcha 43 novos proxectos de investigación. Este é o balance que deixa para a Universidade de Vigo a última convocatoria de axudas da Axencia Estatal de Investigación, unhas cifras que desde a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia cualifican como “excelentes” xa que supoñen un incremento de arredor de 800.000 euros sobre a anterior convocatoria, correspondente ao ano 2019 e na que se conseguiran 3,7 millóns de euros cos que desenvolver 33 proxectos.

“En xeral todos os ámbitos aumentaron ou manteñen o número de proxectos obtidos, pero destaca, sobre todo, a capacidade consolidada de captación de fondos competitivos dos centros de investigación do SUG (atlanTTic, Cinbio e CIM) que suman máis da metade do total de financiamento acadado e o incremento importante no ámbito tecnolóxico, que duplicou o número de axudas concedidas, liderado polo eixo atlanTTic – Cintecx”, salienta a vicerreitora Belén Rubio, quen explica que a cifra total de proxectos solicitados non deixou de medrar nos últimos anos, acadando nesta ocasión o centenar de solicitudes nos diferentes programas (Retos, Xeración de Coñecemento, Investigadores novos…). O crecemento é xeral e prodúcese tamén no eido xurídico-social e nas humanidades, “que historicamente non optaban a eses fondos competitivos e onde o número de solicitudes realizadas medra cada ano”,  explica a vicerreitora, para quen a promoción da convocatoria do plan nacional foi un dos obxectivos prioritarios do seu mandato, deseñando para isto diferentes accións, entre elas un seminario sobre as claves do éxito á hora de pedir un proxecto ou outro sobre xestión de datos nos proxectos. “A nosa intención é seguir promocionando e apoiando aos investigadores e investigadoras na súas solicitudes futuras”, destaca Rubio, ao que engade que se tratará tamén de incentivar a solicitude de proxectos aos investigadores máis novos (distinguidos, Ramon y Cajal, etc).

Desde a Vicerreitoría de Investigación destácase como un dos aspectos máis relevantes desta convocatoria o impulso dos diferentes centros de investigación -atlanTTic, Cinbio, Cintecx e CIM- da Universidade de Vigo, de onde proveñen o 23% do total das axudas solicitadas. Tiveron unha taxa de éxito do 91%, conseguindo 21 proxectos dos 23 solicitados, o que supón case o 50% dos proxectos concedidos á Universidade de Vigo.

Máis de un millón de euros para atlanTTic

Para atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, a convocatoria nacional supón o ingreso de máis de un millón de euros, financiamento co que pór en marcha nove proxectos de investigación. “É unha proba máis da alta calidade da investigación que vimos realizando en tecnoloxías de telecomunicación e, neste caso concreto, en 5 G, envellecemento saudable, privacidade e seguridade, mobilidade (satélites e drons), electromagnetismo, radar e criptografía cuántica”, explicou o seu director, Martín Llamas.

Tal e como destaca o director do centro, entre os proxectos subvencionados hai traballos de moi distinto perfil, desde aqueles que tratan de dar resposta aos principais desafíos que trae consigo a tecnoloxía 5G, ata outros pensados para dar servizos e aplicacións para un envellecemento saudable, pasando por outros que buscan mellorar os actuais escáneres de seguridade ou aqueles que se dirixen a solucionar diferentes problemáticas relacionadas coa aprendizaxe automática.