atlanTTic e Gradiant organizarán en Vigo as JNIC 2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, e o Centro Tecnolóxico Gradiant serán os organizadores da próxima edición das ‘Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad’, (JNIC 2023). O evento celebrarase en Vigo no mes de xuño do vindeiro ano e proximamente poderá consultarse toda a información na súa páxina web. Investigadores, investigadoras e profesionais de toda a xeografía nacional presentarán o resultado das súas investigacións científicas desde diversas perspectivas cun nexo común: a ciberseguridade.

JNIC é un congreso científico, impulsado polo Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), que promove o contacto, intercambio e discusión de ideas, coñecementos e experiencias entre a rede académica e a de investigación por unha parte, e profesionais e empresas por outra. Serve de escaparate dos últimos avances científicos na materia e materializa un foro de debate no que presentar perspectivas e enfoques innovadores en ciberseguridade, posibilitando a conexión entre a acción investigadora e innovadora e o desenvolvemento de produtos e servizos de valor para a sociedade.

Web JNIC